#PalestinaVencerá

Acción por Palestina no Día da Patria Galega

Como vén sendo habitual nos últimos anos, no marco dos actos reivindicativos do Día da Patria Galega, o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes chama unha vez mais a participar nunha acción simbólica internacionalista. Nesta ocasión, o acento será posto na Palestina, un pobo que vive nun permanente estado de agresión por parte de Israel, e que nos últimos meses volveu ter que contar vítimas mortais por disparos do exército israelita contra manifestantes desarmados.

Nesta ocasión, a convocatoria é organizada conxuntamente con outras dúas entidades: Galiza por Palestina e a Campaña BDS Galiza — que promove o boicote, os desinvestimentos e as sancións contra Israel — e terá lugar o día 25 ás 16h30 nas escaleiras da Alameda de Compostela que dan ao recinto do Festigal. En anos anteriores houbo xa accións similares centradas en Cataluña, América Latina e Escocia.

No acto, que estará presidido por unha faixa coa lenda «Se mercas produtos israelitas financias a ocupación da Palestina», participarán tamén membros da comunidade palestiniana residente en Galiza, e será lido un manifesto no que se denunciará o rexime sionista de apartheid, a lei que declara Israel como un estado exclusivamente xudeu e que vén de ser aprobada esta semana, e tamén a connivencia de empresas e entidades públicas que traballan e comercian con Israel facendo ouvidos xordos ao exterminio que está a levar a cabo contra a poboación árabe, tanto a que vive nas cada vez máis minguadas áreas baixo administración palestiniana, como a que vive dentro dos territorios que Israel considera seus — e que representa 20% da poboación total de Israel.

2018-07-23T09:31:51+00:00