Basta de inxerencias españolas contra Venezuela

O pasado 25 de xaneiro, Venezuela decidía declarar persona non grata o embaixador español nese país, o que implica a súa saída do mesmo. O motivo son as súas reiteradas inxerencias na política interna venezolana, posicionándose claramente do lado da dereita opositora e ofrecéndolle todo tipo de apoio aos elementos que, dentro e fora do país, pretenden derrocar o goberno lexítimo. A súa actuación estaba perfectamente aliñada coa dos gobernos españois (tanto do PP como do PSOE), que desde o inicio da Revolución Bolivariana teñen apoiado golpes de estado, sancións económicas para dificultar a vida do pobo venezolano e en xeral toda a estratexia violenta da oposición que tanto sufrimento ten causado ao país.

Como consecuencia da declaración venezolana, o Estado Español decidiu declarar tamén (sen máis razón que a da “reciprocidade”) persona non grata ao embaixador venezolano en Madrid, que xa fora chamado a consultas polo seu país.

Consultar calquera hemeroteca dos últimos meses e ver as declaracións de Rajoy ou Dastis chega para constatar a xusteza da decisión venezolana. O Estado Español non parece disposto a asumir que Venezuela conquistou a súa independencia hai dous séculos loitando contra o seu decadente imperio, e que desde o triunfo da Revolución Bolivariana está en marcha un proceso para erradicar todo rasgo de neocolonialismo e imperialismo e exercer a auténtica soberanía. Ás ansias recolonizadoras súmanselle os intereses das multinacionais españolas que, desde o triunfo do chavismo, foron postos en cuestión polo pobo venezolano.

Desde Mar de Lumes, Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, apoiamos a decisión do goberno bolivariano e denunciamos novamente o papel do réxime español como unhas das principais puntas de lanza a nivel internacional da folla de ruta imperialista, que é a mesma que a da dereita venezolana mais violenta e golpista, a quen da acubillo de forma sistemática.

Por último, aproveitamos para agradecer ao embaixador Mario Isea e ao conxunto da misión diplomática ante o reino de España o seu labor, defendendo dignamente o proxecto político escollido polo seu pobo e facendo frente en todo momento ás agresións a pesar das constantes campañas de acoso e difamación.

Galiza con Venezuela.
Viva a Revolución Bolivariana!

Comité Galego de Solidariedade Internacionalista

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista