[ANÁLISE]

Bolsonaro: O parto do despotismo que ameaza Latinoamérica

Leo nas redes sociais moitas interpretacións que culpan o pobo brasileiro por votar — “en democracia”, din — polo ultradereitista Jair Bolsonaro cunha vantaxe considerable sobre o candidato do Partido dos Trabalhadores, Fernando Hadad.

Agora ben, que democracia é a que elixiu Bolsonaro? Trátase dunha democracia liberal con eleccións periódicas nas que cada catro, cinco ou seis anos os cidadáns dedican un día a votar por quen dirixirá o goberno do país. O resto do tempo, día tras día, ano tras ano, outros poderes non electos — económicos e mediáticos, no fundamental — condicionan a vida e as percepcións dos cidadáns. Pódese alegar que ademais hai división de poderes: xudicial, lexislativo e executivo, que é o que ostentará Bolsonaro, e que iso produce un equilibrio. Pero é que foron os poderes lexislativo e xudicial — en mans da mesma clase social que decidiu romper coa máscara democrática e apoiar un impresentábel como o ex capitán — os que crearon as condicións para a vitoria ultradereitista deste 28 de outubro, primeiro, desde o Congreso, destituindo Dilma Rouseff da Presidencia, nun proceso altamente manipulado, e logo encarcerando ilegal e inxustamente o candidato máis popular: Lula da Silva, ao que o mesmo sistema xudicial impediu presentarse ás eleccións. Se se necesitaba proba do anterior, a declaración de Bolsonaro anticipando o seu desexo de designar como Ministro de Xustiza o xuíz Sérgio Moro — formado nos Estados Unidos e perseguidor de Lula — acábao de confirmar.

Paralelamente, no imaxinario de boa parte das persoas menos formadas e informadas para asumiren críticamente as súas mensaxes, o sistema mediático estabeleceu o Partido dos Trabalhadores como responsábel único pola corrupción e a violencia, dúas causas coas que é moi fácil mover o fanatismo relixioso organizado nas igrexas evanxélicas e empoderado a través dun poderoso canal de televisión como Record, a segunda do país.

O que ocorreu este domingo 29 é o que o pensador portugués Boaventura de Sousa Santos chama “democracia de baixa intensidade”, “unha illa de relacións democráticas nun arquipélago de despotismos (económicos, sociais, raciais, sexuais, relixiosos) que controlan efectivamente a vida dos cidadáns e das comunidades”.

O feito de que após tres intentos por gañar as eleccións, Lula chegase finalmente ao goberno, e de que fose agora o máis popular dos candidatos non é proba de que ese sistema sexa democrático, senón de que o desgaste producido polo neoliberalismo permitiu a súa chegada á Presidencia dentro dos estreitos límites do sistema que o ex sindicalista nunca vulnerou, nin construíndo novos medios de comunicación, nin facendo unha reforma do sistema eleitoral. Os altos prezos do petróleo e a aparición deste no novo xacemento pre-sal, explotado estatalmente, permitiron unha convivencia temporal coa oligarquía brasileira que non vía afectados os seus intereses, pero cando o prezo do petróleo baixou, os do poder verdadeiro non quixeron compartir os efectos cos de abaixo e esixiron tamén o pre-sal e novas privatizacións. O golpista Michel Temer confesouno o 21 de setembro de 2016 nun discurso ante a Sociedade das Américas e o Consello das Américas, con sede na cidade de Nova Iorque:

“..nós estabamos convencidos de que sería imposíbel ao goberno continuar con aquel rumbo e entón suxerimos ao goberno que adoptase as teses que apuntabamos naquel documento chamado Unha ponte para o futuro. Como iso non sucedeu, non se adoptou, instaurouse un proceso que culminou agora com coa miña instalación como Presidente da República”

Na orde internacional, o factor Washington non é secundario. O sucedido en Brasil desde que espuriamente se instaurou Temer como Presidente vén dun proceso comezado co golpe militar contra Manuel Zelaya en Honduras, continuado en Paraguai e logo no Brasil con golpes parlamentarios e consolidado coas persecucións xudiciais contra Rafael Correa, o seu vicepresidente Jorge Glass, Cristina Fernández en Arxentina e o propio Lula en Brasil. Non só é tomar o goberno senón crear as condicións para que nunca volva ocorrer que se implementen políticas contra os intereses oligárquicos. Os xuíces, moitas veces adestrados nos Estados Unidos, procesan o que os xornalistas, tamén a miúdo formados no mesmo lugar, publican nos medios de comunicación que ofician de fiscais as “probas” que condicionan o veredicto da opinión pública. Non ocorrerá o mesmo contra Evo e Maduro se logran polos fóra do goberno? Non é que eses procesos post-neoliberais non cometesen erros, incluíndo a corrupción dalgúns dos seus líderes, nunca Lula nin Dilma, pero o principal é deixar intacto o sistema de dominación clasista que impera neses países. É o que fai a diferenza coa Venezuela e a Bolivia.

O cerco contra a Venezuela Bolivariana, principal obsesión de Washington na rexión desde que Obama a declarou “ameaza inusual e extraordinaria á Seguridade nacional” arriba ao seu mellor momento. Unha extensa fronteira co Brasil está lista para superar o que xa sucede no oeste con Colombia como fonte de paramilitarismo e guerra económica. Adicióneselle o conflito fronteirizo no leste con Güiana e a mesa está pronta para materializar a intervención militar coa que varias veces ameazou Donald Trump. A OEA e o seu Secretario Xeral, Luís Almagro, están listos para a xustificar como “unha esixencia humanitaria”.
Para Cuba, como dixo o xeneral de Exército Raúl Castro, o pasado 26 de xullo “o cerco estréitase”, pero a oligarquía cubana está en Miami, non na Habana. O seu máximo representante — o senador estadounidense Marco Rubio — xa se reuniu con Bolsonaro e é de presumir o que pediu contra a Illa e a Venezuela. O Presidente eleito acabouno de confirmar nunha entrevista publicada onte polo xornal Correio Braziliense: romperá relacións diplomáticas con Cuba, algo que non fixo nin o mesmo Donald Trump.

O novo Presidente brasileiro non é só unha persoa de pensamento fascista ao servizo de quen o elixiu para impor os seus intereses na maior economía de América Latina, senón un inimigo de todos os procesos populares na rexión, aliado ao sector máis extremista dos Estados Unidos que leva 60 anos tentando eliminar a Revolución cubana. É bo sabelo.

2018-11-05T16:45:02+00:00