Comunicado conxunto BDS-MdL sobre a visita de Feijóo a Israel

Ignorancia, indiferenza ou complicidade?

Feijóo quer estreitar vínculos económicos con Israel, o estado do apartheid, a limpeza étnica, a violencia contra as crianzas, os crimes de lesa humanidade…

O 30 de xaneiro, Feijóo iniciará unha “misión comercial a Israel”, o estado que ao longo da súa breve historia mais reiteradamente escarneceu as resolucións das NN.UU. e as normas básicas do dereito internacional. O estado que masacra o pobo da Palestina asañándose con especial violencia contra as súas crianzas, obrigadas a crecer baixo a bota militar da ocupación.

Feijóo viaxa a Israel para estreitar vínculos comerciais apesar de saber que con eses vínculos colabora a afianzar as políticas de limpeza étnica e xenocidio practicas polo estado sionista contra o pobo palestino.

Israel: un estado fora da lei internacional

Coas ducias de Resolucións da asemblea das NNUU incumpridas por Israel, ditadas apesar da presión exercida polos potentes lobbies que actúan no seu beneficio en organismos internacionais e o veto permanente dos EUA no Consello de Seguranza da ONU, Israel colócase sen dúbida á cabeza dos estados delincuentes (os estados fora da lei) de todo o mundo.

Israel: apartheid, limpeza étnica e xenocidio

Os tres mecanismos tradicionais do supremacismo colonizador son o dia-a-dia nas políticas de Israel contra o pobo da Palestina: discriminación e segregacionismo dentro das fronteiras do estado sionista, eliminación fisica das persoas que non pertencen a etnia/relixión estatal (xudia) na Cisxordania, expulsión do território e masacres masivas na Faixa de Gaza (bombardeamentos periódicos, elevada mortandade por carencias básicas en sanidade, expolio e contaminación da agua e terra…).

Israel: violencia contra as crianzas

No entanto, e con seren tan graves estes crimes contra a poboación palestina, é con as crianzas, os membros máis vulnerábeis da comunidade, con que mais sadicamente se asaña o estado sionista. Nestes momentos hai 311 crianzas palestinas encarceradas nas prisións sionistas. A media anual de arrestos militares ou administrativos é de 700. A maioría sofren torturas e tratos vexatorios e se padecen algunha doenza, non reciben os tratamentos médicos. O ministro de Eduación israelí, Naftali Bennett, non oculta o seu desexo : “Deberían terminar a vida en prisión”.

Israel: inxerencia nos asuntos da Galiza

En maio de 2014 o Parlamento de Galiza, recibiu unha carta do embaixador de Israel en Madrid en que o acusaba de unirse “aos peores e máis extremistas inimigos de Israel”.

O delito da cámara galega? Aprobar unha Declaración Institucional en favor do respecto dos dereitos humanos do pobo palestino. A resposta de Pilar Rojo, na altura presidenta do Parlamento, distou de ser firme na defensa dos dereitos humanos e a soberanía da cámara. Despois viñeron as visitas de delegacións sionistas, os acordos, a ignorancia e a indiferenza polos crimes que Israel continuou consumando… Agora unha inesperada comisión comercial encabezada por Feijóo partirá mañá a ratificar o apoio oficial ao estado sionista, e confirmar a complicidade da mais alta representación do noso país cos crimes perpetrados por Israel.

2018-04-06T13:04:58+00:00