Contra a represión, avante a solidariedade coa Catalunya

A situación social e política na Catalunya, co encarceramento de líderes políticos e sociais, o exilio de deputadas, a usurpación da Generalitat, o uso intermitente da forza policial contra manifestantes pacíficos e a continua ameaza de intervención dos medios públicos de comunicación por parte do Estado español é cada día máis excepcional e preocupante. Éo por si mesma, en primeiro lugar, e tamén o é no que significa de normalización de todos estes abusos no conxunto do Estado, instalado xa de antes nunha catalanofobia que agora aparece combinada en amplos grupos co revanchismo, a exixencia de vinganza polos danos á «unidade de España» ou a celebración pública do sofrimento das presas e presos políticos,
das persoas feridas pola policía, dos e das activistas multadas, etc. Os medios de comunicación públicos e privados do Estado están a xogar un papel esencial na naturalización desta resposta antipolítica e violenta e na súa acentuación, criminalizando agora a acción dos Comités de Defensa da República para xustificar así o uso da forza por parte do Estado.

Con todo, as evidencias de todo isto non poden ser tapadas por completo, e o movemento de solidariedade crece a cada día. No noso país, a Plataforma Galiza con Catalunya, que integra hoxe trinta e cinco organizacións sociais, sindicais, políticas, estudantis e culturais galegas, leva desde 2014 a denunciar esta deriva e a responder nas rúas coa participación de millares de galegas e galegos que apoian abertamente a independencia das nacións sen Estado como Catalunya ou que, simplemente, acreditan que exercer o dereito a decidir, a través de votacións, non pode ser delito ningún e debe poder ser feito sen acabar en prisión ou no hospital.

Ademais das actividades específicas da Plataforma, nos últimos meses teñense celebrado ducias de actividades de apoio ao proceso político catalán por parte de centros sociais, organizacións de solidariedade, centrais sindicais, asociacionismo de base e partidos políticos galegos, que desde a Plataforma Galiza con Catalunya saudamos fraternalmente.

Saudamos tamén o manifesto «Basta Xa!» que acaba de ser apresentado por personalidades da cultura e de renome social no noso país, que exixe a restitución dos mínimos democráticos por parte do Estado que os está a conculcar e a posta en liberdade das presas e presos políticos, e que leva recollidas, neste momento, máis de cinco mil asinaturas de apoio.

Liberdade Presas e Presos Políticos!
Visca Catalunya lliure!
Avante a loita dos pobos!

Axenda MdL

  1. [Marín] Palestina frente ao monstro

    26 de Maio | 19:00 - 20:30
  2. [Vigo] Cuba: vitoria para o futuro

    26 de Maio | 19:00 - 20:30
2018-05-03T17:22:47+00:00