Galiza con Catalunya, pola independencia e pola democracia

Hoxe, no marco do Día da Pátria Galega, celebramos o primeiro acto da nova andadura da Plataforma Galiza con Catalunya. Fixémolo cunha acción simbólica en Compostela no que se fixo público un manifesto de apoio ao pobo de Catalunya e ás súas institucións lexítimas, que apostan em dar voz ás persoas para que poidan decidir o seu futuro, fronte á violencia e as ameazas do Estado. Nesta acción insistimos tamén no noso compromiso coa defensa do dereito de autodeterminación, unha das bases do noso traballo internacionalista. Até o 1 de Outubro, a Plataforma continua aberta a incorporacións de mais organizacións que asuman este III Manifesto.

III Manifesto de solidariedade Galiza con Catalunya

A situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade. A suspensión da autonomía por parte do Estado e o uso da forza e da coerción física para impedir a inevitábel declaración de independencia do pobo catalán pairan no ar. Mais xa non só como posibilidades remotas ou certas, senón como ameazas constantes dun rexime decrépito e entolecido que chama “referendum ilegal” á democracia e “desafío secesionista” ao dereito de autodeterminación.

Para os poderes españois, a posibilidade de que as nacións que non recoñecen envereden polo camiño da independencia e da soberanía non é unha opción. Mais tampouco o é calquera “encaixe” que non sexa o da súa progresiva españolización, en todas as ordes da vida. A realidade, porén, é teimuda. E a imposibilidade de pór cancelas á vontade popular que desbordou hai tempo as marxes apunta de maneira clara cara á crise do modelo do “todo atado y bien atado”, situando nas declaracións de independencia destas nacións a verdadeira panca que pode acabar de fracturalo por completo. De aí as ameazas e a violencia, reaccións primarias e antipolíticas de quen necesita perpetuar a dominación. Porque, para os poderes centrais, non é só unha cuestión territorial; está todo en xogo.

O Estado, cego ante o seu propio ordenamento xurídico e cego tamén ante a lexislación internacional á que di acollerse, demóstrase incapaz de permitir calquera exercicio democrático real que vaia contra a unidade e a indivisibilidade que a ditadura fascista de Franco estebeleceu e a falsa Transición apuntalou. En Catalunya é evidente; mais tamén o é en Euskal Herria, onde España se nega a avanzar no proceso de paz malia todos os pasos dados pola sociedade basca e as súas organizacións políticas; e por suposto tamén en Galiza, onde a ilegalización de ideas e a violencia — máis branda ou máis dura — pretenden instalarse como norma.

Sabemos, por iso, que España é irreformábel. A experiencia do pobo catalán deixouno tamén claro. A única saída ao círculo vicioso é, polo tanto, a acumulación de forzas de ruptura. Cada pobo terá, para iso, a súa estratexia, mais non hai dúbida de que o referendo do día 1 de outubro é fillo dese traballo, da mobilización popular e dunha folla de ruta o suficientemente clara. Por iso hoxe, as organizacións que facemos parte da Plataforma Galiza con Catalunya nos colocamos do lado de quen pula polo referendo. É a nosa maneira de nos colocar do lado da democracia.

Desde Galiza, conscientes do episodio histórico e das oportunidades a quebra catalá abre tamén para o noso pobo, animamos a toda a comunidade galega nese país irmán a facer, o 1 de outubro, o mesmo que nós facemos hoxe: dicir Si ao referendo, Si á Catalunya como Estado independente en forma de República e Si á democracia. Estamos convencidas de que máis cedo que tarde unha oportunidade semellante se abrirá ao alcance das nosas mans.

Agora Galiza
Bloque Nacionalista Galego
Briga
Causa Galiza Centro Social Gomes Gaioso
Colectivo Nacionalista de Marín
Confederación Intersindical Galega
Erguer. Estudantes da Galiza
Fundaçom Artábria
Galiza Nova
Isca!
Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Movemento Galego ao Socialismo
Xebra

2018-04-06T13:12:32+00:00