Mar de Lumes: cinco anos de solidariedade e internacionalismo

Este 5 de Maio, o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes cumpre cinco anos de traballo no campo do internacionalismo. Neste tempo, foron máis de 200 as actividades e campañas organizadas, tanto en solitario polo propio Comité como de mans dadas con outras organizacións do campo da solidariedade e do tecido social e político galego. Palestras, mesas redondas, videoforos, concentracións e manifestacións públicas, campañas de axitación na rúa, festas, misións de observación internacional, etc., complétanse, así, coa participación e o impulso de plataformas plurais para dar resposta en chave de país a conflitos tan diversos como as guerras imperialistas ou o proceso político catalán.

Para celebrar este tempo de traballo, Mar de Lumes despregará nas próximas semanas un ambicioso programa de actividades que de aquí a mediados de xuño traerá a diferentes partes do país máis dunha ducia de palestras, diversos encontros con representantes doutros países, axitación gráfica, concertos, etc. Trátase de facer un repaso, en absoluto exaustivo, das loitas sociais ás que o Comité se ten achegado nestes cinco anos. Nos próximos días, será revelada a totalidade do programa.

As primeiras actividades deste quinto aniversario comezarán o 9 e 10 de Maio en Pontevedra e Lugo, respectivamente, coa presenza do activista político e social hondureño Jairo Velásquez, que falará sobre a realidade do seu país desde o golpe de Estado que depuxo o presidente Manuel Zelaya e instalou un goberno títere até as últimas protestas masivas nas rúas pola fraude eleitoral coa que o goberno de Juan Orlando Hernández pretende manterse no poder e impedir o acceso da coalición progresista que gañou as eleccións de Novembro pasado.

Ver o «Manifesto por un Mar de Lumes»

Axenda MdL

  1. [Marín] Palestina frente ao monstro

    26 de Maio | 19:00 - 20:30
  2. [Vigo] Cuba: vitoria para o futuro

    26 de Maio | 19:00 - 20:30
2018-05-10T14:17:34+00:00