[ANÁLISE]

Mar de Lumes sobre os atentados de París

Os atentados de París deste pasado día 13 de novembro son unha traxedia con poucos precedentes na Franza. Tristemente, teñen abundantes precedentes noutros lugares do mundo, onde día a día se teñen convertido na norma. Un momento de dor como este debera propiciar tamén unha reflexión a serio sobre as súas causas, as súas dinámicas e as súas consecuencias; unha reflexión que, porén, parece estar a facerse unicamente en círculos moi reducidos, en lugar de no conxunto das nosas sociedades. En ausencia deste debate necesario, desde Mar de Lumes, como organización da solidariedade internacionalista, queremos chamar a atención sobre tres ideas que, ao noso parecer, é fundamental non perder de vista.

En primeiro lugar, é necesario reparar no papel que están a xogar os medios de comunicación. Nas horas inmediatamente posteriores aos atentados, as grandes corporacións da comunicación, as que teñen, na práctica, a capacidade real de performar a opinión pública, obviaron o seu papel de servizo público informativo e entregáronse, sen excepcións, ao perigoso xogo de obviar o contexto — sen o cal é imposíbel dar calquera explicación minimamente veraz dos feitos — e centrarse en detalles mínimos, en testemuños de persoas loxicamente asustadas e desorientadas e nun insuportábel estilo sensacionalista que en nada contribuía a esa reflexión necesaria. Esta estratexia non é casual. Ao contrario, observamos con preocupación como é a práctica habitual nestes casos, en que o shock é aproveitado posteriormente con intereses máis espurios e menos confesábeis. Fronte a isto, só podemos parafrasar o célebre historiador Edward Carr: dicir que os atentados de París aconteceron porque o Daesh quixo é certo, pero non explica absolutamente nada. Se o que se ofrece non son explicacións, senón discurso interesado, o que se está a facer é criar un estado de opinión favorábel a uns intereses que non se enuncian, mais que estaban aí previamente, mesmo antes dos atentados en si.

Por último, pensamos que debe haber unha reflexión a serio e a fondo sobre as causas reais destes ataques, que non son só o odio e o desprezo pola vida das persoas que se lle atribúen ao xihadismo. O presidente francés, François Hollande, falaba, na súa comparecencia pública após os ataques, de “acto de guerra”. Mais non é un acto de declaración de guerra. A guerra á que se refere o presidente da Franza comezou hai anos, como unha operación imperialista que, para debilitar unha serie de gobernos incómodos no chamado “mundo árabe”, non reparou en desestabilizar a rexión até ao extremo, en armar “rebeldes” e en criar, alimentar e favorecer a expansión de organizacións extremistas que podían voltarse na súa contra en calquera momento; mais cuxo risco se daba xa por descontado. Pretender que nunha guerra destas características as baixas se produzan só nun dos bandos e que o outro (neste caso, o occidental) poderá vivir de costas viradas á realidade non é unha cuestión de inocencia política, senón de mentira e do mesmo desprezo pola vida dos outros que demostraron os autores materiais dos asasinatos da capital francesa. Máis aínda cando o propio Hollande revelaba en 6 de maio pasado que a Franza levaba tempo a entregar armamento letal á oposición armada na Siria — o que é o mesmo, na práctica, que lla entregar ao Daesh que din combater.A segunda idea que queremos destacar é o perigoso que pode resultar o reforzamento do eurocentrismo que deriva precisamente desa política comunicativa. Resumíao perfeitamente o presidente sirio Bashar al Assad: “A Franza coñece agora o que nós levamos a sofrer cinco anos”. Non deixa de resultar gritante que a dor das vítimas europeas desta guerra imperialista se considere acima da dor das vítimas non europeas, mais é isto o que se está a promover. No medio dos especiais das televisións, das radios, dos xornais en papel e das súas edicións dixitais, ningún comentario para as máis de 50 vítimas mortais e mais de 400 persoas feridas en Beirute (Líbano) nos mesmos días e a mans dos mesmos asasinos. Simplemente, parece que non existisen, ou que, en todo caso, reforcen a idea de que o mundo árabe (considerado en abstracto) é un polvorín que a UE e os Estados Unidos deben pacificar. Ese reforzamento do eurocentrismo non é, no fin das contas, outra cousa que un reforzamento das posicións intervencionistas, cando non directamente un reforzamento da islamofobia, do racismo e da idea de Europa-fortaleza que cada día é máis difícil combater. Que o presidente do Estado español concluíse que están en xogo os “valores civilizacionais” da Europa non é só estúpido, senón terribelmente perigoso. Porque invoca o medo ao descoñecido e porque, ao mesmo tempo, dinamita esa reflexión necesaria.

Desde Mar de Lumes, como organización da solidariedade internacionalista, facemos un chamado a esa reflexión e a considerar o problema na súa verdadeira dimensión, lonxe de consignas sensacionalistas. E lonxe tamén da represalia e das manobras efectistas que o propio estado francés vén de desatar atacando ao día seguinte dos atentados unha serie de pretensas posicións do Estado Islámico en Raqqa — producindo novas vítimas, tamén entre a poboación civil desa cidade, que parece non importarlle a ninguén. Temos, porén, serias dúbidas de que a maioría dos gobernos europeos teñan na súa axenda esta reflexión, e podemos prever unha radicalización da política inxerencista e destrutiva que nos ten traído até aquí, non só polos ataques da aviación francesa, senón por aqueles tristes precedentes dos que falamos ao inicio deste comunicado. Sabemos que non é por acaso, e que desta dor, desta psicose e deste medo, tamén se van beneficiar os mesmos grupos que se beneficiaron coa destrución da Libia ou o Iraque, coa desestabilización do Exipto, coa masacre continuada na Palestina ou coa guerra que hoxe enfrenta a Siria.

Axenda MdL

  1. [A Coruña] Asemblea Aberta de Mar de Lumes

    19 de Decembro | 20:00 - 21:30
2018-04-06T19:12:01+00:00