Que é MdL? 2018-03-23T10:10:00+00:00

Que é Mar de Lumes?

Mar de Lumes é unha organización galega de solidariedade internacionalista que ten como obxectivo levar a solidariedade e o apoio do noso país aos pobos do mundo que enfrontan ataques imperialistas e/ou que loitan por exercer o seu dereito de autodeterminación. É, portanto, e a diferenza doutras organizacións irmás coas que colaboramos habitualmente, un proxecto global, que non se centra nunha única causa, e que trata de atender o maior número de conflitos, explicalos e achegar as suas claves ao noso país.

Mais non nos limitamos a iso: en Mar de Lumes entendemos a solidariedade como un camiño de ida e volta en que as complicidades que tecemos poden facer agromar accións de solidariedade deses pobos coa Galiza e coa súa loita pola independencia e a soberanía, e tamén traballamos por iso, explicando fóra do noso país o conflito nacional que enfrontamos. Mar de Lumes é, pois, unha organización que se insire no marco do soberanismo galego, desde unha perspectiva aberta a novas incorporacións e a colaboracións con outras organizacións de solidariedade á procura de avanzos na causa común, que é a causa da humanidade.

Xúntate á solidariedade!

Mar de Lumes nasceu hai 5 anos e ten presenza en diversas partes de Galiza a través dos seus diversos núcleos, mais é un proxecto que necesita continuar crecendo, xuntando máis persoas que teñan claros os principios da solidariedade e desexen activarse neste campo.

Se queres participar, podes porte en contacto connosco através deste formulario ou no enderezo electrónico info@mardelumes.org.

Por favor, indica a localidade ou concello en que moras.
Se preferes, podes deixar o teu número de telefone para te contactarmos.