#5anosMarDeLumes

Palestina frente ao monstro

Tal como anunciado, a Palestina estivo presente nos actos do quinto aniversario de Mar de Lumes. Foi, desta volta, da man de Fayez Badawi, membro histórico da resistencia do seu pobo frente ao sionismo e representante para a Europa da Frente Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), a esquerda revolucionaria palestiniana. Fayez Badawi ofreceu dúas palestras convocadas por Mar de Lumes en Gondomar e Marín como preludio das que, finalmente, ofrecerá en xuño Leila Khaled — outra histórica militante da causa da Palestina, que se viu obrigada a atrasar a súa vinda á Galiza polos últimos ataques de Israel sobre Gaza e polas dificultades burocráticas colocadas pola embaixada española en Beirute.

En ambas as palestras, que aínda se complementaron con actos en Compostela e Moaña e con encontros con activistas internacionalistas galegos, Fayez Badawi trasladou detalladamente a situación que atravesa o seu pobo, en particular sobre as condicións específicas de cada un dos segmentos en que a instalación do estado sionista dividiu o seu pobo: refuxiados fóra da Palestina — no Líbano, na Xordania ou na Siria —; os denominados «árabes-israelitas» que moran dentro das fronteiras difusas de Israel e que teñen prohibido chamárense a si mesmos palestinos; e o conxunto de poboación que resiste en Gaza — o maior campo de concentración da historia — e Cisxordania. Sobre Gaza e Cisxordania falou tamén da imposibilidade de estabelecer neses lugares, sen conexión territorial, un Estado palestino, e denunciou como falaz e inxusta a solución de dous estados, un palestiniano e outro sionista, que ofrece a chamada comunidade internacional.

Ademais, Fayez Badawi foi perfeitamente claro ao identificar os catro inimigos da liberdade do seu pobo — o imperialismo, encabezado polos Estados Unidos e a Unión Europea, que dan soporte político ao rexime do apartheid declarado por Israel; o sionismo como ideoloxía racista e criminal; o autodenominado Estado de Israel como expresión militarizada sobre o terreno desa ideoloxía; e as forzas reaccionarias árabes, co rexime saudita á frente, como colaborador necesario para dar cobertura ao sionismo dentro do mundo árabe. Frente a isto, incidiu na única solución posíbel ao conflito: unha combinación de resistencia en todas as súas formas dentro da Palestina, tal como recoñecido pola xurisprudencia internacional, e solidariedade internacional en forma de campaña BDS permanente desde o exterior, co obxectivo de terminar co rexime sionista e impor a situación dun único estado, laico, progresista e aberto a todas as confesións, minorías e colectivos.

Podes asistir á palestra de Fayez Badawi en Marín grazas á emisión en directo realizada polos compañeiros de GzVídeos

2018-05-27T10:25:11+00:00