Xustiza para Altsasu!
#AltsasukoakAske

#AltsasukoakAske

O 15 de outubro de 2016, na localidade navarra de Altsasu, tiña lugar unha pelexa entre mozos da vila e dous gardas civís.

Foi un feito que non debera ter máis trascendencia ca que ten calquera pelexa de bar. Comezou a investigarse nun xulgado de instrución de Pamplona pero acabou por inhibirse en favor da Audiencia Nacional por veren indicios de terrorismo na agresión.

A xuíza da Audiencia Nacional encargada do caso, Carmen Lamela, a mesma que atopou delictos de sedición ao Maior dos Mossos, Josep Lluis Trapero, foi quen viu delicto de terrorismo por parte destes mozos, que entraron inmediatamente en prisión, continuando tres deles aíndaalí, pasado ano e medio.

A Fiscalía solicita 50 anos de prisión para 6 deles, 62 para outros dous e 12 para un último.

O acontecido en Altsasu, xunto cos feitos que estamos a vivir das detencións e prisión a rapeiros en base ás súas letras, de tuiteros e de políticos cataláns, poñen en evidencia a un Estado represor que pretende silenciar a quen discrepe ideoloxicamente del, empregando os medios de comunicación como ferramentas de manipulación da opinión xeral.

Dende Mar de Lumes queremos amosar a nosa solidariedade con estes mozos que serán xulgados a partir do 16 de abril por uns feitos que non terían sido destacables se non se consideraran como delicto terrorista.

Manifestamos o noso rexeitamento ao tratamento que se está a dar deste caso, tanto dende a Xustiza española, que tipificou este caso como un dos delictos máis graves recollidos no código penal, sen probas que amparen esta versión e obviando ás diferentes testemuñas que indicaron en todo momento que os feitos non eran tales; como dende os medios de comunicación, primeiro dando unha información falsa do acontecido e, posteriormente, silenciando todas as mostras de solidariedade e apoio que se levan dando, dende entón, na vila de Altsasu.

Desde o noso compromiso internacionalista, cómpre denunciar e visibilizar este novo xuízo político como un dos mais claros exemplos das dinámicas represivas do Estado Español e esixir a libre absolución de todas as persoas encausadas.

#AltsasukoakAske!

2018-05-03T16:33:26+00:00