Mar de Lumes perante o suposto ataque químico en Duma

Máis unha vez, as nosas pantallas satúrannos co impactantes e vertixinosas imaxes, dun ataque químico na Siria, desta vez en Duma. A difusión dun vídeo dos famosos Capacetes Brancos, en que se observa un grupo de nenos supostamente asfixiados por axentes químicos, colocou Duma no centro da atención mediática mundial. Como en previas ocasións, non se ven mulleres no vídeo, tampouco combatentes islamistas, mas non sorprende cando esa organización se ten caracterizado pola difusión de material falsificado ou pola súa participación en execucións de “infieis”.

Duma é a principal cidade da Guta Oriental, rexión que até a súa liberación recente polo exército sirio, estaba baixo control de milicias rebeldes de ideoloxía salafista, desde a cal se producían a diario ataques de morteiro contra poboación civil de Damasco.
Mal se produciu o ataque, a acusación da milicia Jaish al Islam contra o goberno sirio, a quen os islamistas consideran culpábel do ataque, convertiuse en verdade incuestionábel, apesar de non ter habido unha investigación que o demostre. A seguir, tanto Nikki Haley, embaixadora estadounidense ante a ONU, como o propio presidente Donald Trump asumían a culpabilidade do goberno de Al Assad, sinalando aos seus aliados rusos e iranianos e abrindo a posibilidade de represalias militares. En palabras de Trump, Al Assad debía pagar “un grande prezo” polo acontecido.

Chama a atención que nos días previos ao ataque, Trump expresara abertamente a súa intención de retirar as tropas norteamericanas presentes na Siria. Porén, recentes mudanzas na administración dos EUA anunciaban intencións diferentes do estado profundo dese país, nomeadamente a substitución do ex-Secretario de Estado, Rex Tillerson, polo director da CIA, Mike Pompeo; así como o ascenso do extremista John Bolton a conselleiro de Seguranza Nacional. Por sinal, Bolton destaca por defender públicamente a invasión e bombardeo do Irán.

Destaca tamén unha noticia que pasou completamente desapercebida na midia occidental. O exército sirio descubría a finais de marzo deste ano un laboratorio químico ben equipado precisamente nas inmediacións de Duma, que estaba en poder da milicia extremista Jaish al Islam, durante a liberación da Guta Oriental. Recordemos que esta mesma milicia, vinculada a Al Qaeda, recoñecera ter realizado ataques químicos contra milicias curdas nos bairros de Alepo. Estes feitos, así como a verificación da destrución do arsenal químico sirio por parte da Organización para a Prohibición das Armas Químicas en 2016, nada din á prensa occidental, raibosamente atlantista.
Así, Donald Trump anunciou onte que nun período de 24-48 horas tomarían “decisións maiores” acerca da Siria. Sabemos tamén que cancelou a súa visita a América Latina para “monitorizar a resposta ao ataque químico”. Outros países da súa órbita, como a Franza, o Reino Unido, Turquía ou a Arabia Saudita consideran actualmente respostar militarmente contra o estado sirio. A maquinaria militar da NATO, actívase pois, ante as nulas perspectivas de vitoria e mudanza de rexime na Siria pola vía da guerra por medio de milicias mercenarias e terroristas. Nas horas posteriores ao ataque de Duma, avións israelitas golpeaban con fogo aéreo obxectivos militares sirios na provincia de Homs.

A Rusia, pola súa banda, nega que exista evidencia alguna do uso de armas químicas en Duma, como nega tamén a responsabilidade do goberno sirio no ataque. Non hai que esquecer que o ataque se produce na secuencia do caso Skripal, en que o suposto envenenamento con axentes químicos dun duplo axente ruso-británico e a súa filla, teñen servido ao eixo atlantista, con Londres como voceiro principal, para escalar a retórica belicista contra a Rusia, sen disporen tampouco de evidencias para acusar Moscova.
Asistimos pois a un momento perigoso, en que as tensións entre grandes potencias, os EUA e a Rusia, e potencias intermedias como Israel, Turquía, a Arabia Saudita e o Irán, adquiren maior intensidade, medrando as contradicións e colocando o mundo nun equilibrio inestábel en que existe o risco dunha grande conflagración. Este é o obxectivo do complexo militar-industrial norteamericano, que non ve outra saída para recuperar a súa hexemonía perdida.

É deber do antiimperialismo coñecer a realidade, estudar os feitos e organizar unha resposta para deter a guerra imperialista. Por iso desde Mar de Lumes esiximos respeito á soberanía da República Árabe Siria e a fin de toda agresión contra esta.

Non á guerra imperialista! Fóra as mans da Siria!

Comité Galego de Solidariedade Internacionalista

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista