[ANÁLISE]

Sobre a ocupación turca de Afrin

O 20 de xaneiro, o Estado turco cumpriu finalmente as ameazas que viña repetindo nos últimos anos e iniciou unha campaña militar de bombardeos intensivos e o intento de invasión terrestre da rexión de Afrin, zona de maioría curda no noroeste de Siria. A ofensiva foi bautizada cinicamente como “ramo de oliveira” e está protagonizada tanto por grupos de mercenarios islamistas financiados por Turquía – parte deles actuando baixo a franquía do “Exército Libre Sirio” (ELS)- como por tropas regulares dese país, co segundo maior exército da OTAN.

A pesar dos cada vez máis frecuentes ataques turcos que viñan sucedéndose duns anos para aquí, a rexión de Afrin viviu nos últimos tempos nunha relativa tranquilidade que lle permitiu acoller un importante continxente de persoas refuxiadas doutras partes de Siria, especialmente das provincias de Alepo e Idlib. Desde 2012, a zona foi defendida polas milicias das YPG (Unidades de Protección Popular) e das YPJ (Unidades de Protección das Mulleres), que tomaron o control do territorio a raíz da retirada das tropas do goberno. En colaboración coa aviación rusa, as milicias curdas lograron manter seguras as súas fronteiras e liberar da presenza de grupos terroristas algúns territorios próximos.

Afrin fai parte de Rojava (“Occidente”), que é como denomina o movemento de liberación curdo as zonas habitadas por ese pobo sen Estado que, após o acordo de Sykes-Picot en 1916, ficaron encadrados nas fronteiras de Siria. Desde o primeiro momento a zona incorporouse como cantón autónomo á administración defendida polas YPG/J e grupos aliados, que acabou por abandonar oficialmente a denominación de “Rojava” pola de “Federación Democrática do Norte de Siria” co fin de representar o conxunto de pobos que habitan a zona (árabes, curdos, asírios, turcomanos, armenios, circasianos e chechenos) e comezou a construír un modelo social baixo os fundamentos do “Confederalismo Democrático” teorizado por Abdullah Öcalan (líder de referencia do movemento curdo, preso por Turquía e confinado en solitario desde 1999 nunha illa-prisión). En base a iso, recoñeceuse a igualdade de dereitos de todas as etnias, linguas e relixións, foron implantándose asembleas comunais, incentivouse a participación e empoderamento das mulleres e potenciouse a economía social e cooperativa, nun proceso de transformación que continúa a avanzar con todas as limitacións derivadas do contexto de guerra e o embargo económico.

Desde o seu inicio, este proxecto foi atacado polo Daesh (Estado Islámico), Al Nusra (referencia de Al Qaeda en Siria) e outros grupos terroristas identificados co ELS. No entanto, foi máis ou menos tolerado tanto polo goberno sirio como por varias das potencias que actúan na zona. Así, nunha relación de alianzas que foi mudando no tempo, tanto os EUA como Rusia mantiveron colaboración militar (sobre todo aérea) coas forzas que están a defender o territorio do norte, maioritariamente curdas mais cunha implicación cada vez maior doutros pobos (como asirios e árabes) no marco das FDS (Forzas Democráticas Sirias). No caso ruso, a colaboración deuse tamén no plano político, sendo até agora o actor internacional mais favorábel a unha posíbel solución autónoma no marco dun estado descentralizado, algo que mesmo voces do goberno sirio chegaron a considerar factíbel no marco dunha hipotética negociación.

Pola súa parte, desde o primeiro momento Turquía manifestou a súa total oposición á administración do norte e desde o inicio atacou (directa e indirectamente) o proxecto que ten por núcleo o movemento curdo xusto a carón da súa fronteira. Fíxoo desde o comezo da guerra armando, financiando e favorecendo o paso de diferentes grupos terroristas, e xa en 2016 as tropas turcas ocuparon militarmente territorios do norte da Siria na operación chamada “Escudo do Éufrates”, que tiña como obxectivo non disimulado impedir a unión dos territorios controlados polas milicias curdas e os grupos aliados. Desta forma, aínda que naquel momento Turquía non chegou a invadir territorios baixo a esfera curda, como era o seu obxectivo, si que logrou instalarse en territorio antes controlado polo Daesh (moitas veces case sen combates) e así manter o illamento da rexión de Afrin e facilitar unha posterior ofensiva como a que agora se inicia.

As motivacións do ataque en marcha son claras: o empoderamento do movemento curdo no norte de Siria e a consolidación do seu proxecto político xunto ao resto de pobos da zona supón unha clara ameaza para os intereses de Erdoğan, que tamén está a facer fronte cunha brutal represión á insurxencia curda nas súas fronteiras. Ademais, unha campaña deste tipo e a exaltación chauvinista que a está a acompañar (coa adhesión da maioría dos sectores políticos e mediáticos e a represión do resto), facilítalle unha útil cortina de fume coa que manterse no poder nun momento en que estaba a ser moi cuestionado tamén internamente.

Para o discurso oficial de Turquía, as YPG son identificadas plenamente co PKK (Partido dos Traballadores do Curdistán, considerado como organización terrorista pola UE e os EUA) que actúa desde os anos 80 no Curdistán turco. Ambas organizacións referéncianse no pensamento de Öcalan e sitúanse baixo o paraugas do KCK (Unión das Comunidades do Curdistán). Porén, se ben historicamente o Curdistán sirio (e nomeadamente Afrin) nutriu de combatentes o PKK, hoxe en día as YPG non están exercendo ataques contra Turquía e só actúan contra ela en lexítima defensa, e sempre limitaron as súas ofensivas na guerra siria contra o Daesh e outros grupos terroristas. A xustificación oficial, por tanto, carece de fundamento e esconde outros intereses.

Coa operación de Afrin, o Estado turco pretende garantirse novas zonas de ocupación (ver mapa) e asegurarse un papel relevante na resolución da crise siria, algo que estaba en cuestión tras as progresivas derrotas dos grupos que patrocinaba en Alepo, Hama ou Idlib. Toma forma xa abertamente o proxecto “neo-otomanista” que, baixo o liderado de Erdoğan, combina islamismo e imperialismo turco con fin de consolidarse como poder rexional, neste caso ao abeiro da OTAN. Ademais, ao atacar un dos grupos que máis activamente estaba contribuíndo á liquidación do Daesh en Siria, favorece a persistencia dese grupo terrorista e atrasa a estabilización do país. Por último, o ataque pretende ser un toque de atención e un golpe de forza tanto aos seus aliados dos EUA como a Rusia e mesmo ao propio goberno sirio, que en diferentes formas e momentos teñen colaborado coas YPG nas súas ofensivas para liberar o norte de Siria dos grupos integristas. A propia Rusia tiña tropas instaladas en Afrin desde hai anos, e retirounas no momento en que se iniciou a invasión. Isto, xunto á reunión que altos mandos militares rusos e turcos mantiveron pouco antes do ataque, parece confirmar que este se realiza cando menos coa permisividade de Rusia, que tería capacidade de impedilo mais non parece querer enfrontarse a Turquía nun momento en que están a recompor as relacións e pretende afastala da órbita da OTAN. Pola súa parte, os EUA, que colaboran coas YPG e as FDS noutras zonas do norte (mais non en Afrin), manifestaron tamén que o seu apoio está restrinxido ao combate contra o Daesh ao leste do Éufrates, e non parece ter vontade tampouco de facer nada por impedir os ataques de Turquía, que segue a ser formalmente un dos principais aliados dos países occidentais.


En canto ao goberno sirio, criticou duramente a intervención turca e o novo intento de ocupación do país, e acusouna de favorecer a expansión de grupos terroristas. Segundo as últimas informacións, o estado está a facilitar a resistencia contra a invasión cando menos con apoio médico e permitindo o traslado de combatentes e armamento entre as zonas de presenza curda, e mesmo tería a posibilidade de intervir directamente contra o ataque turco como lle solicitou recentemente a propia administración de Afrin.

No entanto, o poboación da rexión atacada organízase masivamente para resistir o intento de ocupación. Na súa capacidade de resistencia fronte á invasión turca xógase non só unha batalla pola soberanía dos pobos e contra o imperialismo, mais tamén a posibilidade de avance dun proxecto social que recoñeza os dereitos das mulleres e dos pobos, democratice a participación popular e permita a consolidación da paz en Siria sen inxerencias externas.

Axenda MdL

  1. [Compostela] Galiza con Palestina

    25 de Xullo | 18:30 - 19:00
2018-04-06T18:48:20+00:00