[ANÁLISE]

Sobre os resultados das eleccións lexislativas venezolanas de 2015

As eleccións lexislativas venezolanas de 6 de decembro de 2015 terminaron cunha vitoria contundente por parte da Mesa de Unidade Democrática, isto é, da oposición ao goberno de Nicolás Maduro e a toda a revolución bolivariana iniciada hai dezasete anos por Hugo Chávez. Os resultados foron claros: 112 deputados para a MUD, por 55 para o Grande Polo Patriótico, a coalición do goberno liderada polo PSUV. Tan claros que xa teñen precipitado algunhas análises mediadas polo catastrofismo e a grande sensación de derrota revolucionaria. O panorama aberto é, sen dúbida, enormemente complexo, mesmo lonxe desas análises derrotistas; e por iso convén, neste momento, parármonos a reflexionar sobre unha serie de ideas que a xuízo de Mar de Lumes, como organización da solidariedade internacionalista, parecen importantes para quen quixer acompañar a situación desde fóra da Venezuela, especialmente onde triunfa a información nesgada e as axendas mediáticas ocultas, como acontece no noso país.

Sobre a normalidade democrática

A primeira idea que convén subliñar é a respeito da absoluta normalidade do proceso eleitoral. Isto, que non debera ser noticia, éo no caso da Venezuela, sistematicamente agredida nas súas xornadas eleitorais por unha oposición até agora incapaz de conseguir sequera unha maioría simples, e que facía do non recoñecemento dos resultados unha estratéxia de desestabilización. Os chamados á violencia que se fixeron tan evidentes e tan perigosos nas anteriores eleccións, e que terminaron por se configurar en forma de guarimbas que atentaron contra a propiedade pública e contra a vida de varias persoas non tiveron lugar desta vez, e todo malia xa antes do conteo a MUD empregar os seus observadores convidados (Pastrana, Quiroga e Lacalle, de xeito especial) para provocar e malia Leopoldo López lanzar unha campaña de abstención, asegurando que as máquinas de votación tiñan sido manipuladas de xeito macizo e que o goberno preparaba unha grande fraude.

A vitoria da MUD non só serviu, neste caso, para deixar en ridículo Leopoldo López, máis preocupado pola súa estratexia de combate interno con Henrique Capriles do que por propor abertamente as súas propostas políticas. Serviu, tamén, para demostrar, pola vía dos feitos, que o sistema eleitoral venezolano — un dos máis auditados e comprobados do mundo, e portanto un dos máis confiábeis — é o que corresponde a unha grande república, e non o dunha ditadura, tal como era apresentado sistematicamente por aqueles poderes económicos e mediáticos opostos á revolución, tanto dentro como fora da Venezuela. Piedad Córdoba resumiuno claramente no final das votacións: o grande vencedor foi o propio sistema eleitoral. O grande derrotado, todo aquel que o cuestionaba interesadamente. Hoxe, a quen caracterizou o goberno de Chávez e despois de Maduro como un rexime ditatorial haberá que lle perguntar se pode citar algún outro caso de “ditaduras” que perdan eleccións. Evidentemente, non poderán.

As eleccións foron convocadas — frente a eses mesmos poderes que aseguraban que o goberno se iría atrincheirar e suspender o poder eleitoral (que na Venezuela funciona separadamente do resto de poderes, para máis datos) — e os resultados foron recoñecidos e respeitados de maneira exquisita, frente eses mesmos poderes que aseguraban que Nicolás Maduro os había rexeitar e mesmo inciar un insólito período para-asemblear. Por outras palabras: a coaligazón revolucionaria do Grande Polo Patriótico demostrou, da maneira máis dura, na súa derrota, ser unha coaligazón estritamente democrática. E reivindicar isto é, en medio da confusión xerada pola guerra mediática, unha obriga da solidariedade internacionalista.

Sobre o carácter das eleccións

A segunda idea é a respeito do carácter das eleccións. Dentro do inevitábel que resulta facer leituras en clave plebiscitaria de todas as eleccións, particularmente cando se produciren en cenarios de forte polarización, como é o caso da Venezuela, o certo é que as eleccións de 6 de decembro eran, en rigor, eleccións lexislativas. O que se escolleu foi a composición e a correlación de forzas da Asemblea Nacional dentro dun sistema unicameral. O goberno, porén, continúa o seu traballo, malia ter agora unha maioría parlamentar disposta a calquera cousa para o tombar. Quen asegura que o goberno debe demitirse continúa a xogar á desestabilización ou simplesmente ignora as pautas do sistema democrático venezolano.

O poder executivo nacional — isto é, o goberno, e a súa presidencia — foi eleito en 2013 para un período de seis anos, polo que continuará en vigor até 2019 conforme á lei. A mesma lei que, se for o caso, prevé a posibilidade de celebrar dun referendo revocatorio ao terceiro ano, isto é, en 2016. No entanto, a Revolución Bolivariana encetada por Hugo Chávez e a alternativa sistémica que representa, pode ser continuada e aínda aprofundada.

As causas da derrota do GPP

Por último, convén reflectir sobre as causas que levaron o GPP a ser claramente derrotado nestas lexislativas. A maioría das análises das grandes corporacións mediáticas pasaron repentinamente de falar dun suposto rexeitamento popular contra a “ditadura” — dado que o concepto de ditadura xa non pode ser invocado — a argumentar a grave crise económica e social que vive a Venezuela como motor do voto de castigo. Ponse o foco nos casos de corrupción en capas medias do Estado — que os houbo —, na inseguranza e os altos índices de criminalidade ou no desabastecemento e nas fileiras para comprar produtos de primeira necesidade; mais ao mesmo tempo esquécese a corrupción sistémica que acosaba Venezuela na época da alternancia do bipartidismo hexemónico (AD e COPEI) antes da primeira vitoria de Chávez, ignóranse os altos ratios de inseguranza en toda a América (non só a América do Sul) e as ligazóns de sectores da MUD co narcotráfico e o crime organizado, e ocúltase a dupla guerra (económica e mediática) contra o goberno revolucionario.

Unha dupla guerra, coa axuda de gobernos e poderes financeiros inxerencistas dos Estados Unidos e da UE, na que se fixeron caer os prezos do petróleo (e, portanto, unha importante parte dos ingresos do Estado), se paralisou á mantenta a distribución de bens de consumo para producir esas grandes fileiras de persoas ás entradas dos supermercados e como vía para especular cos prezos, se puxeron as condicións para dar un golpe de Estado (operación Salida) e para bombardear o palacio de Miraflores (operación Golpe Azul), finalmente abortados pola FANB, e, cando se produciron as detencións correspondentes, se investiron millóns de euros en apresentar Venezuela como unha república da persecución política e da falta de liberdades. Centrarse nos problemas que o goberno non solucionou de xeito convincente, pero obviar deliberdamente as causas deses mesmos problemas e o golpismo que se encontra por trás de moitos deles é calquera cousa menos informar ao xeito. E a iso se ten dedicado unha grande parte da prensa mundial, subsidiaria dos mesmos intereses financeiros que anseian o fin da revolución bolivariana.

A realidade é que o GPP foi derrotado nestas eleccións por motivos diversos, pero agrupábeis en dous grandes blocos. En primeiro lugar, polos erros propios, recoñecidos polo propio Nicolás Maduro e pola dirección política bolivariana, que vén de convocar un congreso nacional do PSUV (o principal partido do GPP) para analisar a situación e facer as mudanzas necesarias — vista a pouca marxe operativa que deixa a nova correlación de forzas na Asemblea Nacional. En segundo lugar, pola campaña eleitoral da MUD, que en lugar de centrarse en explicar a súa proposta política se centrou en desestabilizar o goberno e espallar a idea de que era necesario un novo rumo político, sen explicitar en que irá consistir. Non é necesario enxergar moi lonxe para saber cais son as liñas mestras desa nova dirección. É só ollar para os seus aliados — fundamentalmente internacionais — e para os intereses e a ideoloxía neoliberal que os moven. Pode que o obxectivo da MUD fose, de xeito lexítimo, alargar a base social que se podía sentir esquecida polo goberno revolucionario, centrado nas camadas sociais máis desfavorecidas con políticas activas de vivenda, educación e traballo. A maioría das oposicións nos países de democracia pluripartidista operan así, aproveitando os problemas non resoltos para as evidenciar carencias do goberno. Sen embargo, non é a iso ao que se ten dedicado a oposición venezolana nos últimos tempos, senón a criar, activamente, eses mesmos problemas que despois eran sinalados co dedo como responsabilidades do goberno. E aí é onde radica a súa falta de lexitimidade e o perverso desta operación contra-revolucionaria.

Axenda MdL

  1. [Compostela] Galiza con Palestina

    25 de Xullo | 18:30 - 19:00
2018-04-06T16:54:45+00:00