Solidariedade antiimperialista coas persoas refuxiadas e migrantes

O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes expresa a súa solidariedade coas persoas refuxiadas e migrantes, vítimas dos conflitos e expolios imperialistas causados pola OTAN, a Unión Europea e os seus aliados, principais actores do imperialismo en Oriente Medio e outras rexións do planeta, que provocan morte, destrución, miseria e padecementos a millóns de seres humanos, desde Siria a Ucraína, pasando por Iraq, Afganistán, Libia, Palestina, Sudán, Congo, Haití e unha interminábel lista de países sometidos ao saqueo do capital transnacional.

Apoiamos a súa exixencia de condicións humanas dignas e de respecto para os seus dereitos humanos. Desde unha posición antiimperialista e internacionalista denunciamos a política criminal e hipócrita da Unión Europea e dos seus gobernos que, por unha banda levan a guerra e a destrución ao norte de África e a Oriente Medio, causando directamente a traxedia do exilio e a migración de millóns de persoas, mentres pola outra choran bágoas de crocodilo e láianse dos meniños que morren afogados nas augas do Mediterráneo. A Unión Europea que predica a libre circulación das persoas, só ten en mente, en realidade, procurarlle ao Capital unha reserva de persoas desesperadas, sen dereitos, nin recursos, predispostas a aceptar a calquera prezo, calquera traballo; unha inmensa reserva de man de obra para premer á baixa os salarios e os dereitos sociais en todos os países, para aumentar os lucros da oligarquía financeira.

Esiximos, xa que logo, o cese inmediato de todas as intervencións imperialistas de Estados Unidos, da OTAN e da UE, a disolución da OTAN, e a devolución aos pobos dos recursos naturais para o seu desenvolvemento soberano e acorde cos intereses da poboación traballadora, para a reconstrución dos seus países e a prosperidade dos seus habitantes.

Esiximos que os recursos que se empregan para a guerra sexan usados para o benestar e a mellora das condicións de vida de migrantes e refuxiados, nos seus países de orixe, para evitar a traxedia do exilio e das rupturas de comunidades e familias.

Denunciamos o racismo, a xenofobia e o neofascismo como instrumentos do capital para dividir os pobos, opoñendo uns traballadores contra outros para maior beneficio das clases dominantes da Unión Europea, e chamamos a combatelos na súa matriz orixinaria: o capitalismo.

Esiximos a abolición do Espazo Schengen, da Frontex e de todas as medidas represivas da UE nas súas fronteiras.

Esiximos a creación de centros de recepción dotados de condicións dignas de persoal e infraestrutura para a atención médica, aloxamento, alimentación, seguridade e coidados psicolóxicos, e que garantan unha viaxe segura das persoas refuxiadas até os seus puntos de destino final.

Unha auténtica solidariedade coas persoas refuxiadas implica desenmascarar os hipócritas causantes dese drama. Os asasinos teñen nome: a OTAN e a UE.

Non ás guerras imperialistas!
Abaixo o réxime de Erdogan, lacaio da OTAN!
Alto á política hipócrita da UE!

Axenda MdL

  1. [A Coruña] Asemblea Aberta de Mar de Lumes

    19 de Decembro | 20:00 - 21:30
2018-04-06T16:28:50+00:00