#5anosMarDeLumes

Solidariedade de ida e volta: o modelo de Askapena

No marco dos actos programados para o noso quinto aniversario tivemos a oportunidade de contar coa compañeira Izaskun Goienetxea, activista de Askapena, que nos achegou o traballo solidario e internacionalista que desde hai mais de 30 anos desenvolven en Euskal Herria.

En dúas palestras en Ourense e Compostela a activista de Askapena debullou a historia da súa organización e da importancia do internacionalismo como deber de todos os pobos e como traballo militante que fai chegar novas perspectivas das loitas. Primeiro porque ensina aquilo que se está a facer noutras partes do mundo e segundo porque significa colocar o teu propio conflito político na exenda doutros pobos. Isto que tan ben fixo Askapena na América Latina e outras partes do mundo é unhas das leccións que puidemos ouvir de primeira man.

Tamén coñecemos como o internacionalismo en Euskal Herria sofreu a represión do estado e estivo a piques da ilegalización con posibilidade de prisión dos seus activistas. «A mais represión mais internacionalismo», foi a receita que Askapena aplicou frente ao estado en xuízos populares e cunha importante campaña de solidariedade que conseguiu a súa absolución.

Finalmente coñecemos o funcionamento das brigadas internacionalistas que traballan ano a ano na perspectiva de levar a voz de outros pobos a Euskal Herria, e —por boca dos e das brigadistas — trasladar tamén como un pobo ocupado e negado polos estados español e francés segue a loitar pola súa liberdade.

2018-05-23T18:10:05+00:00