#5anosMarDeLumes

Unha República sen medo

Mireia Boya en Ferrol (Galiza)

A ex-deputada do Parlament de Catalunya pola CUP na anterior lexislatura e encausada polo Tribunal Supremo no proceso contra o independentismo, Mireia Boya, visitou Galiza para participar en dúas palestras en Compostela e Ferrol, encontros cos medios de comunicación e conversas con representantes doutras organizacións sociais e políticas galegas — todo no marco dos actos do quinto aniversario de Mar de Lumes, que nos últimos anos ten despregado unha intensa axenda de accións relacionadas co proceso político soberanista na Catalunya.

Baixo o título «Unha República sen medo», as palestras de Mireia Boya celebráronse o día 29 de maio na Facultade de Ciencias Políticas da USC e o 30 na Fundaçom Artábria, reunindo máis dun cento de persoas que puideron escoitar as reflexións sobre os acontecementos dos últimos meses — de primeira man e lonxe da intoxicación descarada que tanto Mar de Lumes como outras moitas organizacións sociais e persoas a nível individual vimos denunciando — e tamén estabelecer interesantes coloquios e intercambios de ideas e análises.

Mireia Boya centrou as súas intervencións na maneira como o Estado español se dedicou a fechar as portas a calquera saída pactada ás exixencias da maioría do pobo catalán e en como a presión popular acabou levando á desobediencia civil e á resposta violenta e desproporcionada do propio Estado, non só na xornada de 1 de outubro de 2017 como tamén no enxuizamento de máis de 900 persoas acusadas por pretensos crimes como a rebelión, a malversación de fondos, etc. Neste punto, a ex-deputada catalá fixo especial énfase na situación dos presos e presas políticas e na posibilidade de que o seu número veña ainda a aumentar a partir dun poder xudicial claramente aliñado cos intereses partidarios do Estado e coa súa deriva autoritaria; e tamén deixou claro que o protagonismo do avance político na Catalunya nunca dependeu só dos partidos cataláns maioritarios, senón da rápida conscientización e da forte mobilización popular.

Sobre a persecución, Mireia Boya referiuse á rápida deterioración das liberdades civís e da calidade democrática no Estado español a raíz do proceso catalán, sinalando como a violencia política e xudicial non se limita á Catalunya, senón que está a ser ensaiada para a pór en práctica inmediatamente contra calquera pobo que decida comezar un proceso de autodeterminación, así como contra calquera colectivo que critique abertamente a institucionalidade española e o seu proxecto uniformizador. Neste punto, tamén deixou claro que o responsábel desta deriva non é só o Partido Popular, como todo o conxunto do Estado, incluíndo aquí as forzas políticas do chamado «bloque do 155», o poder xudicial, o poder económico, as forzas represivas e a maioría de grandes grupos de comunicación, incapaces de combater con argumentos o crecente independentismo na sociedade catalá

Por último, Mireia Boya lamentou a falta de coraxe das direccións políticas do proceso para continuar adiante coa declaración de independencia e asumir o resultado do referendo que o Estado non foi quen de impedir, e criticou o que, polo momento, parece unha estratexia de parte destas mesmas direccións para procurar un novo encaixe catalán no Estado. Fronte a isto, reflexionou sobre as posibilidades que se abrirán á volta do verán, cando comecen os centos de procesos xudiciais e se evidencie máis unha vez a imposibilidade de avanzar en dereitos e liberdades dentro do Estado español.

Podes asistir á palestra de Mireia Boya en Compostela grazas á emisión en directo realizada polos compañeiros de GzVídeos

Axenda MdL

  1. [Compostela] Galiza con Palestina

    25 de Xullo | 18:30 - 19:00
2018-06-03T01:24:55+00:00