Venezuela é do pobo, non da oligarquía!

Comunicado de Mar de Lumes
tras a vitoria electoral de Nicolás Maduro
nas eleccións presidenciais de 2018

Venezuela está de noraboa. As eleccións presidenciais deste 21 de Maio deitaron o resultado necesario para que continúe a se consolidar o proceso revolucionario e emancipador que comezou Hugo Chávez e que hoxe continúa con Nicolás Maduro á fronte, a pesar de todos os ataques e descalificacións lanzadas por unha oposición que decidiu non participar — co obxectivo de non evidenciar a súa derrota despois do fracaso da guerra económica, mediática e diplomática que viu protagonizando nos últimos meses — e polas potencias imperialistas que continúan sen aceptar que os pobos poidan autodeterminarse e decidir soberanamente o seu futuro.

A vitoria de Nicolás Maduro con 67,78% do voto é incontestábel. A limpeza do proceso, grazas a un poder eleitoral blindado, obxectivo e independente, tamén o é. Por iso, as acusacións deses actores — os mesmos que dirixían as guarimbas, os que deron o golpe de estado en Honduras, os que manobraron para expulsar o goberno lexítimo do Brasil, etc. — se centran agora nunha pretendida baixa participación que, porén, é ben superior a outros procesos eleitorais que foron homologados sen problemas porque ían na dirección que o capitalismo transnacional prefere, caso dos referendos constitucionais da Unión Europea, por exemplo.

Por iso, desde Mar de Lumes, como para o conxunto do movemento internacionalista galego, acudir a esta particularidade non demostra outra cousa que a frustración dese polo imperialista perante a dignidade do pobo da Venezuela. A oposición que quixo participar puido facelo; ninguén llo impediu e atinxiu 32,48% do voto. Tampouco se lle impediu á oposición fuxida, que decidiu non someterse á vontade popular como parte dunha estratexia de auto-victimización que pretende presentar a República Bolivariana de Venezuela como un estado falido que debe ser intervido desde o exterior, e que tivo a súa expresión tamén no noso país, co hostigamento por parte de opositores violentos contra aquelas persoas que acudiron a votar ao Consulado Xeral de Venezuela en Vigo ante a total pasividade da policía e das autoridades do Estado español — punta de lanza da inxerencia europea contra a revolución bolivariana. Desde Mar de Lumes, condenamos esta complicidade coa mesma intensidade que parabenizamos a vitoria revolucionaria en Venezuela.

Finalmente, esta vitoria de Nicolás Maduro non é só electoral. É tamén, e sobre todo, unha vitoria política e social que está no camiño da normalización da vida política dun país que hai só uns meses atravesaba unha vaga de violencia instigada desde o exterior por parte das elites económicas dos Estados Unidos e da Unión Europea coa clara intención de facilitar un golpe de estado ou a intervención militar estranxeira.

Agora, nun momento en que os ataques mediáticos irán incrementar a súa intensidade, é o momento de que a solidariedade internacionalista redobre os seus esforzos para contrarrestar os seus efectos. Abonda xa de mentiras, de inxerencias e de xenofobia. Avante a democracia da Venezuela e o legado bolivariano de Hugo Chávez.

Pa’lante, Venezuela!

2018-05-23T17:57:03+00:00