Nacemos na longa noite dos 500 anos. Así o dicía Emiliano Zapata, mais é perfeitamente aplicábel a nós, na nosa loita por saírmos deste Estado pseudocolonial e por nos xuntarmos ao resto de Estados do mundo, os que xa hai e os que nos próximos anos deben ser proclamados, en xustiza.
Asístenos un dereito colectivo: o direito dos pobos á súa libre determinación, a decidiren —a decidirmos— como nos definir, como nos organizar internamente, como nos relacionar co resto da humanidade. Asístennos a razón e a lóxica. Outros teñen a forza, ás veces impondo leis alienantes e supremacismo cultural, outras veces polas armas, amiúdo combinando ambas fórmulas, mais sempre, sempre, criando e dando carta de natureza a unidades santificadas, mais imposíbeis, barbaramente deseñadas de cima para abaixo, para maior aproveitamento das oligarquías do capital e do seu requisito: o imperio.
Existe, como nós ben sabemos, unha ligazón íntima entre o imperio e o capitalismo. O primeiro é sempre beneficioso para o segundo. Tanto é, que nunca o capitalismo se privou de expandir o seu patio, o seu quintal, primeiro nos territorios veciños, despois polos mares, hoxe através dos mercados desregulados. Son fases diferentes, correspondense con sistemas diferentes, mais responden, sempre, ao mesmo obxectivo: a dominación acumulativa. Levámolo vendo toda a historia e o século XXI non será diferente se nós, os pobos do mundo, non forzarmos o recoñecemento do noso direito colectivo, se non exercermos a nosa soberanía.
Niso estamos. Nesa loita, exactamente. E connosco camiñan outras nacións. Mesmo que non todas estexan á procura dun Estado proprio. Existen diferentes estratexias e diferentes arelas: desde autonomías prácticas no caso de Estados altamente centralizados, até á independencia nacional, no caso de moitos outros e de nós mesmos.
Hoxe, neste acto simbólico, recoñecemos este obxectivo común. Recoñecemos a compaña doutras nacións, de Irlanda, Euskal Herria, de Cataluña, de Escocia, de Córsega, do Saara, de Palestina, do Curdistán, do pobo mapuche, do Quebec, e de tantos outros. Canda eles, aquí estamos.
Viva a solidariedade entre os pobos!
Viva a Galiza ceive!