NON Á GUERRA! Paremos a agresión imperialista contra Siria

Hoxe, 8 de maio, tres días máis tarde do criminal bombardeo de Israel sobre Damasco, MAR DE LUMES — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista realizamos un acto simbólico de repulsa, exixindo o fin das inxerencias externas e das agresións contra a Siria. A continuación, a nosa declaración de condena:

Hai 3 días, o 5 de maio, fortes explosións sacudiron Damasco, a capital de Siria, producidas por míseis lanzados desde Israel. O resultado foi a morte de ducias de persoas e a entrada xa claramente descuberta de Israel no conflito, no que constitúe un novo crime do ente sionista na rexión.

O novo ataque israelí prodúcese nun momento en que, segundo todas as fontes, as forzas armadas sirias estarían a recuperar o control de importantes áreas anteriormente dominadas polos grupos favorábeis ao golpe de Estado coa axuda encoberta do proprio Israel, dos EUA e da UE. Ademais, pon ás claras cómo a guerra en Siria non pode explicarse unicamente por cuestións internas, senón que se trata dunha agresión instigada, fomentada e apoiada loxisticamente desde o exterior, armando a oposición e pretendendo ocultar o papel dos Estados Unidos, de Israel, de Arabia Saudita, de Qatar, de Turquía, e dalgúns países da Unión Europea —particularmente a Franza e o Reino Unido—, cuxos intereses na rexión distan claramente de seren os do pobo sirio. Así o fixeron anteriormente en Libia, disfrazando o imperialismo de guerra civil, para non teren enfrente a oposición da opinión pública que sufriron coas guerras no Iraq e no Afganistán. Rematada a guerra e arrasada Libia o foco mediático —necesario para xustificar a intervención— desapareceu e o petróleo flúe hoxe cara a occidente sen atrancos. Teñamos claro, máis que nunca, que o obxectivo en Siria non é diferente do obxectivo nestes países: dobregar e destruir un estado que non rematou de entrar nunca no xogo xeoestratéxico do imperialismo na zona.

Estas explosións verifican as ameazas que Israel e os Estados Unidos viñan deitando nas últimas semanas a respeito dunha intervención directa en Siria. O ataque israelense, precedido de varios anteriores, silenciados polos principais medios de comunicación en occidente, constitúe un intento do capitalismo imperialista de expandir e escalar o conflito na rexión, co obxectivo de incluir o Líbano e Irán. Preténdese así criar un escenario favorábel para uns planos de guerra decididos desde hai tempo, que só están á espera do momento máis oportuno para seren postos en práctica.

O goberno sionista de Israel retrátase, máis unha vez, como a principal ameaza para a paz na rexión, non só polo seu ataque sobre Damasco, como tamén pola súa ocupación criminal da Palestina, dos Montes do Golán sirios e das libanesas Quintas de Shebaa, e polas súas reiteradas agresións contra as proprias Palestina, Líbano, Iraq e, agora, Siria.

Por todo isto, desde MAR DE LUMES — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista expresamos a nosa solidariedade co agredido pobo sirio; condenamos o ataque de Israel sobre Damasco por se tratar dunha forma particularmente cruel e irresponsábel de inxerencia externa; e exiximos:

1) O fin das accións de agresión imperialista levadas a cabo por Israel, os Estados Unidos, a Unión Europea, e os seus aliados na zona, de Xordania ou Qatar á Arabia Saudita.

2) O fin das sancións internacionais contra Siria e a procura dunha saída negociada, sen tutelaxe imperialista, que conte con todos os axentes en conflito incluindo, tamén, o esquecido pobo curdo.

3) O fin dos acordos de cooperación cultural e económica con Israel, por parte do estado español e, notadamente na Galiza, os levados a diante por diversos concellos.

En Compostela, 8 de maio de 2013.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista