Gonzalo Gómez falounos da situación que vive a República Bolivariana de Venezuela, dos logros da revolución e dos seus retos de futuro após o falecemento do Comandante Hugo Chávez, as eleccións do 14 de abril e as novas maniobras golpistas por parte da dereita. Ficou claro que “o socialismo non se decreta” e que “non chega con mudar os nomes”, senón que se trata dun proceso de construción que pode ter algunhas contradicións, mais onde o horizonte está perfeitamente definido, e no que a participación e a mobilización popular ten que ser o principal catalizador. Aínda, o compañeiro do PSUV avanzou algunhas das futuras políticas do goberno do Presidente Maduro, saídas do documento Golpe de Timón, elaborado polo comandante Chávez e o seu consello de Estado.
Unha palestra interesantísima que congregou máis de trinta persoas, entre as que estaba a cónsul xeral de Venezuela, Mónica Chacín, demostrando que a solidariedade coa república bolivariana e co seu proceso continúa forte malia os embates interesados dos medios de comunicación do imperialismo capitalista.