
O conflito sirio non empezou onte, nen é consecuencia do suposto emprego de armas químicas nos últimos días de agosto -un extremo que nen sequera está a ser demostrado; e menos que o goberno sirio teña sido o causante-. Moi ao contrario, son xa mais de dous anos que este país vive nunha chamada guerra civil que non é mais que unha guerra desas potencias polo control dunha zona -e dos seus recursos- e que tivo os seus episodios anteriores nas guerras de Iraq, Afganistán ou Libia con resultados desastrosos para as poboacións. E que, non o esquezamos, prepara novos episodios no Líbano ou Irán cando sexa reducida Siria.
Durante este tempo os Estados Unidos, Franza, Reino Unido ou Israel veñen prestando apoio militar, loxístico e fundamentalmente de intelixencia ás milicias armadas. Como podería contar a oposición de calquera parte do mundo con armamento suficiente para manter unha guerra aberta contra o exército regular do seu país? Existen probas abondo de todo isto, de como os “rebeldes” están sendo apoiados, financiados, armados e presentados no exterior como o goberno lexítimo para soster artificialmente este conflito.
É entón o inminente fracaso desta estratexia, ao estar o goberno sirio avanzando decisivamente no terreo militar e de estabilización de zonas antes en conflito o que provoca este cambio de urxencia cara a unha iminente intervención militar da OTAN. Unha situación calcada ao acontecido en Libia cando o goberno estaba a punto de gañar a guerra ás portas de Bengasi e a OTAN bombardeou o país e posibilitou unha vitoria patrocinada que destruiu o país. Claro que o petroleo libio agora flúe na dirección correcta e os focos dos medios están agora debidamente apagados para non ferir as nosas sensibilidades nen relatar a situación do país, unha vez conseguido o obxectivo real. Esa situación pódese repetir agora en Siria se non somos quen de presionar os nosos gobernos para pararmos un novo xenocidio.
Así estes días asistimos á teatralización dos gobernos occidentais sempre tan hipocritamente preocupados polos dereitos humanos, mais só nos países que non son obedientes aos seus ditados, e decididos a combater a inxustiza en Siria, pretendendo ser xuíces e parte nun macabro xogo no que sempre foron o principal actor do conflito. O penoso papel dos medios de comunicacion ao servizo da propaganda de guerra pretende neutralizar a resposta popular para que non se repita o que pasou con Iraq, cando millóns de persoas en todos os países do mundo se mobilizaron contra esa guerra.
É por iso que compre dar resposta a esta nova agresión a un país soberano que ten que resolver os seus problemas internos desde a negociación e o diálogo, algo inviábel se continúa a ser no exterior onde está poder de decisión real desa chamada “oposición”.
Pola nosa parte, desde Mar de Lumes, iniciamos unha campaña de denuncia desta nova escalada imperialista e facemos un chamamento a unha resposta mobilizadora que se concretará nos vindeiros días. Asimesmo sumarémonos ás iniciativas xa en marcha.



