11 de setembro. O pobo catalán cara á independencia.

Mar de Lumes, como organización que apoia e difunde os procesos de liberación nacional dos pobos sen Estado en función do dereito dos pobos á autodeterminación e ao exercicio da súa soberanía, quere expresar, neste 11 de setembro de 2013, o seu mais firme convencimento de que, en próximas datas, o pobo catalán atinxirá aquilo que nós, galegas e galegos, tamén queremos para o noso país: a plena capacidade de decidir sobre todos asuntos que lle afecten e a plena responsabilidade polas decisións tomadas, sen máis limite que a convivencia pacífica entre os pobos e sen que un Estado alleo decida por si o que só compete a cada unha das nosas nacións.

Os Países Cataláns, do mesmo modo que a Galiza, teñen loitado durante séculos para reverter unha situación herdada do devir histórico completamente indesexada e inxusta: o seu sometemento aos intereses centralistas da coroa de Castela, mais tarde asimilada ao goberno centralista español, e aos intereses da monarquía e despois República xacobina francesa. Unha dependencia plenamente funcional aos intereses do capitalismo español e francés que con todos os seus medios se esforza por impedir os procesos de emancipación nacional.

A última época, a diferenza do que acontece na Galiza, ten dado para o pobo catalán fantásticos froitos que agora madurecen á espera do mellor momento para a súa colleita, e que han producir o esperado momento da proclamación dunha República Catalana, feito que sen dúbida catalizará o proceso de liberación nacional nos demais territorios que conforman a nación.

Á espera de que ese momento chegue e conscientes do grande paso adiante que para ese fin suporá a Diada de hoxe, vai a nosa solidariedade, desde a certeza de que a independencia non é un ponto de chegada senón a partida cara a un horizonte de plena xustiza social e a ruptura con todas as formas de dominación, internas e externas, que someten as clases populares. Así o entenden os sectores mais consecuentes do soberanismo catalán e así o entendemos tamén nós, desde a outra beira da península, desde un pobo con problemas, nalgúns pontos, idénticos e cuxa solución pasa polo mesmo obxectivo: a independencia.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista