A guerrilla curda en Siria disposta a resistir calquera ataque

*Leandro Albani, desde o Curdistán

Un laboratorio político ferve no norte de Siria

Un laboratorio de política e organización, niso deu en converterse o norte de Siria desde hai un ano. A apreciación é compartida nas filas guerrilleiras do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK), que en poucos meses trasladou a esa rexión a máis de 50.000 guerrilleiros. O obxectivo é defender o país da intervención das potencias occidentais e a autonomía declarada polos curdos o 19 de xullo de 2012, no medio dun conflito interno e externo que non deixa de ir a máis.

A idea dunha confederación curda en Siria foi aceptada polo goberno do presidente Bashar Al Assad, como tamén por Irán e Rusia, aseguran desde a guerrilla. Por estes días, as cidades do norte de Siria son escenario de duros enfrontamentos entre a Unión de Autodefensa do Pobo (UAP) -que agrupa os guerrilleiros curdos- e os mercenarios e membros da Fronte Al Nusra, filial de Al Qaeda, ambos apoiados por Estados Unidos, as potencias europeas e Turquía.

En pouco máis de 24 meses, no Curdistán sirio comezou a xestarse un sistema alternativo que non responde ao nacionalismo do goberno e moito menos se alinea cos mercenarios e islamistas, defensores do neoliberalismo sen concesións. A ideoloxía do confederalismo democrático, teorizada por Abdullah Öcalan, percorre a rexión curda cunha forza nunca antes vista.

Aínda que a dor da guerra estea a flor de pel, a maioría de curdos que habitan o norte de Siria -uns tres millóns e medio- parecen dispostos a resistir o tempo que sexa necesario, aínda que os atrancos medren todos os días. Aos ataques de mercenarios e Al Qaeda, súmase o xogo do Partido Democrático do Curdistán (PDK), encabezado por Masud Barzani, presidente da rexión autónoma de Iraq. Barzani anunciou que recibirá os refuxiados que viven en Siria, mais aclarou que non permitirá que os curdos se trasladen a ese territorio. Desde o PKK entenden esta medida como un método para debilitar a resistencia do pobo da rexión, integrado por diferentes minorías como árabes, asirios e armenios. A guerrilla ademais denunciou que o goberno de Barzani mantén un duro bloqueo que non permite o ingreso de alimentos e medicamentos cara á zona siria, o que acrecenta a crise humanitaria.

Na guerrilla tamén saben o que significaría un ataque militar encabezado por Estados Unidos e os seus aliados. Teñen a experiencia de décadas de combates contra o Exército turco, o segundo máis grande do mundo. Aínda que unha invasión estadounidense custará vidas e sangue, os guerrilleiros séntense con confianza e máis dun combatente non dubida en dicir que os esperan, que eles non teñen nada que perder e todo por conquistar.

A fronte de batalla

A principal fronte de batalla do PKK atópase no norte de Siria. A capacidade de mobilización da guerrilla curda quedou demostrada nos últimos meses. Coas montañas de Kandil no Curdistán iraquí como retagarda, no norte sirio diariamente prodúcense enfrontamentos contra mercenarios e membros da Fronte Al Nusra. Esta loita, que incomoda as potencias occidentais, é silenciada en América Latina, algo que se pode comprobar ao ver algunhas dos catro canles de televisión por satélite e comunitarias para a rexión curda. As imaxes sucédense de xeito frenético: combates, bombas estoupando, fusís que cospen balas continuamente, mercenarios que manipulan armas químicas e se pasean en tanques de guerra, mais tamén se pode observar o pobo curdo en plena organización de asembleas populares, a guerrilleiros que se suman á loita, a nenos e nenas que non tremen cando din que esa terra é deles e que a resistencia total será o custo para a súa liberdade.

Helin estivo meses atrás na fronte de batalla. Nun dos campamentos das montañas de Kandil, onde funciona a área de comunicación da guerrilla, comenta que “malia a situación crítica, as asembleas populares e comunas están funcionando”. Con voz firme, aclara que a guerrilla non necesita o apoio do Exército sirio, que deixou a rexión hai varios meses atrás. “Os propios militares sirios comunícanse cos comandantes curdos para lles pedir que coiden as súas familias que viven na rexión”, exemplifica.

Declarada a autonomía no norte de Siria foi creado o Consello Supremo de Curdistán (CSK), no cal participan 16 partidos políticos, sendo o principal o Partido da Unión Democrática (PUD), ligado ao PKK, e dirixido por Salih Muslim. Helin explica que moitos deses partidos responden a Barzani e a Celal Talabani, actual presidente de Iraq, e que contan cun apoio do un ou dous por cento da poboación, ademais do respaldo de Turquía.

“Algunhas refinarías novas de petróleo son controladas por nós mais aínda non funcionan. A súa produción servirá para prover ao pobo”, sinala Helin. Entre outros logros, conta que as clases nos colexios deixaron de se ditar unicamente en árabe e engadiuse o idioma curdo, prohibido até hai un ano.

Balcanizar Medio Oriente

“O imperio non quere resolver esta guerra, pero si busca facer durar o conflito e balcanizar a rexión”, di Rengin Botan, comandante da UAP. Estamos noutro campamento de Kandil e todos coinciden en que Rengin, con apenas 37 anos, é unha das principais dirixentes que ten a guerrilla e que as súas ordes se cumpren sen vacilacións.

A comandante Rengin lembra que o nivel de conciencia dos curdos que viven en Siria é elevado, debido a que durante 15 anos nese país estivo refuxiado Abdullah Öcalan, líder máximo do PKK, detido actualmente en Turquía. “En Siria hai unha historia de conciencia política moi importante, desde ese momento había creación de comunas e proxectos. O nivel de conciencia política no Curdistán sirio é moi alto”.

Desde que se iniciou o conflito en Siria, a guerrilla mantivo a súa independencia e non definiu unha posición cara a un bando determinado. Nese momento, explica Rengin, “preguntámonos cales eran os proxectos para o pobo curdo e outras nacionalidades que viven en Siria. A todos preguntámoslles se aceptaban un sistema confederal, democrático, onde todos os pobos pobres e oprimidos poidan vivir en igualdade. O goberno sirio aceptou esas condicións e non entrou en conflito armado connosco. O goberno de Al Assad agora fai unha permanente autocrítica. Até hai un ano a maioría dos curdos non tiñan cidadanía pero o goberno xa os legalizou. Os mercenarios non teñen unha proposta concreta, ao contrario, atácannos por ordes do imperio con Al Qaeda. Como o imperio non quere un sistema confederal e social, envía a estes mercenarios para poñer atrancos”. Rengin suma á lista de atrancos ao PDK, o partido de Barzani que intenta crear un Estado-Nación e así fragmentar aínda máis á rexión, posibilidade aplaudida por Estados Unidos e Turquía.

Rengin revela que nas últimas semanas, os grupos mercenarios asasinaron “civís, mulleres e moitos nenos, que ademais violan sexualmente”. Estes feitos -salienta a comandante- forman parte dun plan dirixido por Estados Unidos. “É un enfrontamento de dúas correntes: o confederalismo democrático e outra que quere balcanizar a rexión”. Malia a actual situación, recoñece como positivo que o norte de Siria se transformase nun “laboratorio, porque a loita do Curdistán de Siria é primordial, a nosa enerxía está concentrada aí porque é un exemplo que poden seguir outros pobos de Curdistán e Medio Oriente”.

Leandro Albani é xornalista e colaborador de Resumen Latinoamericano

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista