A apresentación foi realizada por Luisa Cuevas, correspondente e colaboradora do medio e militante internacionalista, que explicou con varios exemplos a política comunicativa do mundo capitalista a respeito de Cuba, baseada na magnificación dos problemas e no silencio absoluto a respeito dos avanzos da Revolución, así como a práctica de utilizar sempre fontes antigobernamentais.
A trintena de asistentes, entre os que tamén se encontraba o cónsul xeral de Cuba, José Antonio Solana, puideron coñecer de primeira man a orixe do proxecto, a súa filosofía comunicativa e a función social que cumpre unha web que, na actualidade, serve como un dos principais pólos aglutinadores da diáspora cubana.
Ademais, Luisa Cuevas explicou a importancia dos medios de comunicación no caso cubano, debido ao bloqueo mediático tamén imposto polos Estados Unidos e os seus aliados e á presenza doutros medios publicados por opositores e financiados por multitude de institucións e organizacións anticubanas, como o famoso Nuevo Herald.
Houbo tempo tamén para un breve coloquio onde as asistentes se interesaron pola situación dos medios de comunicación en Cuba e sobre as acusacións de dogmatismo vertidas contra o goberno popular, o que permitiu departir brevemente sobre a existencia dunha nutrida rede de blogueiros cubanos que vai moito alén da publicitada Yoani Sánchez, tamén financiada polos Estados Unidos e outros lobbies anticubanos.