Manifesto «Tantaz tanta»

Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, como organización vocacionada para a promoción da solidariedade entre os pobos, quer expresar a súa repulsa máis firme perante a acción policial, xudicial e mediática que o Estado español, máis unha vez, executa contra a resolución do conflito basco e contra as persoas que, dun xeito ou de outro, traballan para promovela. É por iso que apoiamos a iniciativa antirrepresiva lanzada por aquelas organizacións que viñan colaborando con Herrira e facemos noso tamén o manifesto que as reúne e que incluímos a continuación.

«Tantaz tanta» | «Gota a gota»

Unha maré polos dereitos dos presos bascos
Unha maré pola resolución do conflito

Os partidos políticos, sindicatos e organizacións sociais que comparecemos hoxe nesta roda de imprensa, queremos trasladar á opinión pública unha valoración conxunta da operación desenvolvida contra o movemento popular Herrira, así como publicitar a resposta que conxuntamente iremos dar perante este acontecemento.

Antes de máis, queremos sinalar que as organizacións aquí presentes nos relacionamos con normalidade con Herrira, e continuaremos facéndoo. Temos partillado moito, temos traballado conxuntamente e hai entre nós lazos organizacionais e interpersoais. A detención de tantos militantes e responsábeis desta organización énchenos de mágoa e indígnanos. Por iso, antes de máis, queremos manifestar a nosa solidariedade cos detidos e coas detidas e coas súas familias. Non ocultamos, tampouco, o noso temor polo tratamento que poidan estar a receber nas últimas horas en sede policial.

Manifestamos o noso máis firme rexeitamente á decisión política que inspira esta acción xudicial, policial e mediática. Tal decisión vulnera os máis elementares dereitos e liberdades democráticas. Herrira é unha organización ben coñecida no noso pobo: actúa abertamente, relaciónase e procura colaboración con infinidade de organizacións sociais e políticas da nosa contorna; e todas as súas iniciativas tiveron tres características que nos parece fundamental subliñar neste momento: foron iniciativas pacíficas, procuraron a pluralidade en base ao entendemento, e trataron sempre da defensa dos dereitos humanos.

Sendo así, para nós, resulta evidente que este atropelo ten un obxectivo político, ou varios. O primeiro e mais evidente é o de criminalizar a defensa dos dereitos dos presos e das presas políticas bascas. E iso no horizonte dunha próxima sentenza sobre o inhumano alargamento das condenas que o Estado español practica coas persoas presas. Con esta criminalización, o goberno español adiántase ao tribunal europeo de dereitos humanos no caso de se producir un eventual fallo contrario á razón de estado.

En segundo lugar, esta operación pretende alargar sine die o período político do pacto antiterrorista, infestado de macrosumarios e ilegalizacións. Trátase de estorbar o traballo político dun amplo espazo do noso pobo que avoga polas solucións, condenándoo a un pantano antirrepresivo, e impedindo o seu desenvolvemento. Ese é o obxectivo do chamado «inmobilismo» do estado, que é unha mobilización obstinada de todos os aparatos represivos, xudiciais, institucionais e mediáticos como única axenta para Euskal Herria.

En terceiro lugar, parece evidente que esta macro-operación pretende ser unha cortina de fumaza sobre os innúmeros problemas que enfrenta o actual partido de goberno español, como son —por citar apenas dous— os casos de corrupción ou o auxe das reivindicacións nacionais polo dereito a decidir. Que esta operación teña, aínda, lugar precisamente cando o goberno se está a negar a deter torturadores reclamados pola xustiza exemplifica á perfección esta idea.

En cuarto lugar, consideramos que operacións como a que nos ocupa pretenden tamén que a cuestión dos presos e das presas se torne un problema duns poucos. Por iso, temos que lembrar que as organizacións aquí presentes temos un compromiso inequívoco cos dereitos das persoas presas e refuxiadas; un compromiso que non vai descrecer por mais que o estado se empeñar. Nese sentido, a operación é, dalgunha maneira, unha operación contra nós propios e propias, porque vimos colaborando desde hai tempo con Herrira na defensa deses dereitos.

Por todo isto, cremos que debemos impulsar unha resposta ampla e decidida contra esta operación inxusta. Cóntanse por ducias as iniciativas locais e comarcais de resposta que se puxeron en andamento desde onte pola mañá no noso pobo. Canda elas, as organizacións aquí presentes anunciamos a celebración dunha manifestación nacional en Bilbo para o próximo sábado 5 de outubro, que sairá de La Casilla ás 15h30. O noso obxectivo é trasladar ao estado español o sentimento da sociedade basca perante estes atropelos, así como expresar a nosa solidariedade cos detidos, exixindo a súa inmediata liberación.

As organizacións convocantes do acto traballaremos para que esta mobilización concite as máis amplas adesións ao longo desta semana. Isto é, traballaremos como fai Herrira: «Tantaz tanta», gota a gota, á procura do entendemento na defensa dos dereitos e liberdades de todas e todos.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista