Celebrado coloquio sobre o sistema educativo cubano

Onte, nunha xornada organizada pola Liga Estudantil Galega e na que Mar de Lumes colaboramos xunto coa Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e a A.C. A Revira, puidemos escoitar o Cónsul Xeral de Cuba, José Antonio Solana, falando sobre o sistema educativo cubano diante dun auditorio de máis de 70 persoas congregadas nas aulas da Faculdade de Belas Artes da UVigo.

O Cónsul explicou a estrutura do sistema formativo e outros aspectos técnicos, ademais de explicar o enorme esforzo do goberno revolucionario para reducir a taxa de analfabetismo (Cuba foi o primeiro país da América do Sul a se declarar territorio libre de analfabetismo), para estender a educación ás zonas máis remotas da illa cun corpo de mestres voluntarios, ou para expandir o sistema universitario non só por toda a illa, como tamén con especial atención aos colectivos máis desfavorecidos, incluída a poboación carceraria, que pode reintegrarse á vida comunitaria cunha carreira universitaria. Inclusive, foron referidos datos de informes da varias organizacións internacionais, vinculadas á ONU, que sistematicamente teñen recoñecido a altísima calidade do sistema educativo en Cuba. Unha das ouvintes mesmo manifestou: “a miña avoa era analfabeta, a miña nai foi alfabetizadora, eu son xornalista”.

José Antonio Solana falou tamén de como o ensino en Cuba se convertiu nun dos focos de máxima atención do goberno e inclusive fixo autocrítica a respeito da imposibilidade de manter un país onde todas as persoas posúan titulación universitaria, na medida en que son necesarios tamén traballadores e traballadoras cualificadas para atender os oficios produtivos. Unha autocrítica que, segundo explicou, é asumida polo goberno da República de Cuba, que xa ten implementado planos destinados a favorecer o ingreso de novos estudantes en ciclos formativos similares á Formación Profesional do sistema educativo galego.

A preguntas do público, que se extenderon por máis de unha hora, tamén se falou das dificuldades que algúns países poñen á convalidación de títulos universitarios obtidos en Cuba, sobre as misións científicas da illa en diversas partes do mundo, notadamente América Latina e África e sobre como o bloqueo económico que os Estados Unidos mantén ano após ano condiciona os aspectos materiais, non só no educativo, como no resto das tarefas diarias.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista