Exactamente un ano despois da nosa apresentación pública o 5 de maio de 2013, un grupo de activistas do Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes celebramos na praza da Ferraría de Pontevedra o primeiro aniversario da organización cun acto simbólico que repetiu o realizado doce meses antes: o despregamento de bandeiras de nacións sen Estado que dunha ou doutra forma e en diferentes fases están a loitar pola súa soberanía e independencia nacional: a Escocia, Cataluña, o Saara, a Palestina, o Québec, a Córsega, Euskal Herria, o Curdistán e outros pobos estiveron alí representados.
O acto concluíu coa leitura do manifesto da organización e co repaso das máis de cincuenta actividades solidarias que Mar de Lumes ten realizado, organizado ou co-organizado no seu primeiro ano de vida, e que inclúen tamén outras accións simbólicas, palestras e coloquios, celebracións e concentracións que, ademais do apoio aos procesos de autodeterminación, tamén serviron para denunciarmos o imperialismo alá onde se exerce máis descarnadamente: na América Latina e no Oriente Medio.
Os actos explicando a guerra mediática en Venezuela, denunciando o bloqueo en Cuba e exixindo a liberación dos seus presos políticos nos Estados Unidos, así como dando voz a pobos moitas veces obviados nas grandes axendas como o andaluz, o curdo, o palestino ou o saarauí ou recuperando momentos históricos como o 25 de abril de 1974 en Portugal conxugáronse con mobilizacións, entre outras, a través da plataforma Galiza contra a Guerra (da que somos unha das organizacións promotoras) contra a invasión imperialista proxectada contra a Siria hai só uns meses.
Co acto de onte, avaliamos positivamente o traballo realizado e renovamos o compromiso militante cos principios da organización: apoio aos procesos de emancipación, denuncia do imperialismo e servir de amplificador internacional do conflito galego aos demais pobos do mundo, á procura dunha solidariedade de ida e volta.