Nova vaga represiva contra a Palestina

A nova vaga represiva contra Palestina ordenada por Israel xa está aquí. Desta volta, tomando como pretexto o pretenso rapto de tres mozos na Cisxordania, o exército de Israel procede a novos bombardeamentos sobre poboación civil e, após asegurar ter identificado os suspeitosos daquel rapto, destrúe as súas casas e desata un novo terrorismo institucionalizado.

Amer Aby Aysa e Marwan Kawasme, acusados de estaren ausentes da súa casa desde o mesmo día que desapareceron os tres mozos xudeus, son desta volta o pretexto de Israel para desatar esta nova campaña represiva, que como sempre non se centra nos sospeitosos — que aínda non foron xulgados, ademais — senón contra todo o pobo.

O resultado desta nova vaga de castigo colectivo, con escusa ou sen ela, é varios palestinianos mortos, centos de detidos — que continúan detidos despois de Israel ter pretensamente identificado os suspeitosos — e varios predios e vivendas destruídas.

Nada muda en Palestina, portanto: Israel continúa exercendo o imperio da forza bruta con calquera escusa; a comunidade internacional continúa asistindo silenciosamente ao masacre lento e sistemático do pobo palestiniano; e os principais medios de comunicación continúan mostrando propositadamente un relato maniqueo e simplificado no que os bos son sempre os civilizados israelitas e o terrorismo vén sempre do lado palestiniano, no que de Israel nunca se mostran as matanzas senón os funerais de Estado, a compostura, as declaracións institucionais, e da Palestina nunca se mostra calquera estrutura social, senón apenas xente de cara cuberta lanzando pedras como se en lugar dun pobo agredido o único que houbese fose unha turba irracional de salvaxes.

Do que non cabe dúbida é de que a aposta de Fatah e Hamas pola reconciliación e polo necesario goberno de unidade nacional é unha causa de preocupación para Israel. E tampouco cabe dúbida de que Israel fará canto sexa capaz para impedir que a situación na Palestina se consolide — incluída unha nova campaña de terror.

»» Ler máis: Especial Palestina | Solidariedade coa Palestina

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista