Celebrar o aniversario da independencia, na Venezuela, significa hoxe exactamente celebrar a Revolución Bolivariana, que non por acaso recolle o nome do Libertador e o converte no pulso de novas fronteiras de liberación social. Aquela mudanza fundamental, soberanista, bolivariana no sentido máis amplo do termo, que afastaba a burguesía venezuelana e os seus parceiros imperialistas do poder político e situaba o pobo como protagonista, ten ademais a característica de non ter perdido forza co paso dos anos, senón todo o contrario. A autocrítica como arma fundamental da revolución multiplicou os efectos e permitiu un aprofundamento de base aos principios do socialismo, ao punto de cuñar o concepto de socialismo do século XXI e tornar Venezuela o principal referente da nova fase política na América Latina e no resto do mundo.
Hoxe, após o falecemento do presidente Hugo Chávez, a Revolución Bolivariana e a mesma independencia de Venezuela reconquistada nos últimos tempos atópase nunha fase de grande perigo, atacada como nunca antes desde o exterior polo imperio dos Estados Unidos e polas súas sucursais, empregando ademais as fórmulas máis retorcidas e covardes. O financiamento de guarimbeiros e o desabastecemento programado son dúas caras da mesma moeda: a que o capital transnacional emprega nos xogos de casino en que sempre gañan as mesmas oligarquías e onde sempre son os pobos os que perden.
Por iso, desde a Galiza que tamén combate ese imperialismo, desde a Galiza colonizada que loita pola súa propia soberanía e pola superación do sistema de dominación capitalista, como Venezuela, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista quer somarse á denuncia das agresión constantes e á exixencia do cese inmediato das inxerencias imperialistas.
Viva a Revolución Bolivariana!
Viva o pobo da Venezuela!
+ Descarga o Golpe de Leme de Chávez editado por Mar de Lumes e Contrapoder.info