26 de xullo: 61 anos de Cuba digna!

Cada 26 de xullo, o internacionalismo solidario celebra por todo o mundo o Día da Rebeldía en conmemoración da tomada revolucionaria do cuartel Moncada en Cuba, que deu orixe á revolución liderada por Fidel Castro contra o goberno títere dos Estados Unidos na illa.

En Galiza, polo especial vencello que temos coa illa, mais sobre todo polo firme convencemento de que Cuba debe poder vivir en paz e sen a continua inxerencia externa dos imperialismo, tamén se celebrou a data cunha festa organizada polos compañeiros e compañeiras da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. A festa, que durou varias horas, contou coa discurso da cónsul da República de Cuba en Compostela, Laura Urra, quen agradeceu os actos solidarios e repasou os principais desafíos de Cuba, do bloqueo criminal norteamericano ao caso dos Cinco. Seguidamente tivemos o pracer e a honra de escoitar a Pedro Trigo, fillo de galegos de Viveiro, que participou directamente no asalto, onde morreu seu irmán Julio logo de ser apresado e torturado. Aos seus 86 anos debullou o contexto da Cuba deses anos e os pormenores dos asaltos ao Cuartel Moncada e Carlos Manuel de Céspedes e a importancia destes feitos no trunfo posterior da revolución.

Desde Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista non podemos facer outra cousa que parabenizar a Asociación Francisco Villamil pola súa iniciativa e chamar, como sempre, a extender a solidariedade internacionalista do pobo galego co de Cuba, alén das intoxicacións informativas que interesan ás oligarquías pró-imperio.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista