Comezaron as xornadas antifascistas de Vigo

Na tarde de onte, 16 de setembro, comezaron na Libraría Andel as xornadas antifascistas organizadas por Mar de Lumes e pola Liga Estudantil Galega, co primeiro dos actos, consistente nunha palestra onde se falou da situación na Ucraína desde a súa xénese no Maidan ás derivacións que está a ter neste momento, cando todas as evidencias apontan a que o conflito – malia concentrar a súa fase bélica na Ucraína e Novorossia – vai moito alén destes territorios e pode atinxir xa un plano global.

De fondo, opera a necesidade do imperialismo occidental, cos Estados Unidos á cabeza, de impedir a reaparición de Rusia como axente de primeiro nível no plano xeopolítico e de protexer os seus intereses expansivos na Europa do Leste, cos sucesivos alargamentos da Unión Europea.

O coloquio posterior, con interesantes intervencións dalgunhas das 70 persoas que acudiron ao acto, enriqueceu a reflexión con outras liñas de análise interesantes como os picos da enerxía, a presenza do capitalismo ultraespeculativo e a súa relación coas guerras e mesmo a análise das consecuencias que as sancións da UE á Rusia e da Rusia á UE poden ter para povos como o galego.

O seguinte acto das xornadas será a concentración antifascista organizada en solidariedade co Donbass, que se realizará en Vigo o día 19, diante da porta do MARCO.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista