Finalizou onte, 5 de outubro, o primeiro Congresso Conquistas da Revolução no ISCTE de Lisboa, organizado pola Associação Conquistas da Revolução (ACR). Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista foi convidado a estar presente e alí levamos a nosa solidariedade internacionalista, a apoiar un proxecto de recuperación da memoria colectiva inmediata que 38 anos de gobernos da dereita tentan abalar por todos os medios.
Portugal, que realizou a última revolución real na vella Europa — ao contrario das falsas revolucións de cores con que os grandes medios capitalistas tentan aliciarnos ultimamente — ten que ser un referente para Galiza. Entender e explicar a Revolução de Abril ten que ser unha das tarefas que a militancia internacionalista e antiimperialista asuma como propia para os vindeiros anos, non só para celebrar os 40 anos do 25 de Abril — como tivemos ocasión de facer coa presenza do capitán de orixe galega Manuel Durán Clemente (vídeo da palestra a continuación) — senón no día a día. Portugal protagonizou unha das raras ocasións en que os militares, ao invés de se colocaren co poder, se aliaron co povo, deitando abaixo a ditadura fascista de Salazar e do seu continuador Marcelo Caetano, e abrindo o espazo necesario para que o programa de modernización e democratización dese lugar á verdadeira revolución social.
A homenaxe na que participamos, dedicada especificamente á figura de Vasco Gonçalves — que en Portugal está a ser apagada deliberadamente pola historia oficial, mais que na Galiza ten sido anulada hai xa tempo — tiña como obxectivo evidenciar que baixo os gobernos provisorios que dirixiu e que ocuparon pouco máis de 14 meses de 1974 e 1975, Portugal non só avanzou para a democracia, senón que produciu unha reforma agraria antilatifundiaria que entregaba as terras aos operarios do campo, organizados colectivamente; restituiu todas as liberdades conculcadas ás mulleres; recuperou para control obreiro fábricas e servizos que tiñan sido abandonados polos capitalistas despois do golpe do MFA ter triunfado; nacionalizou os sectores básicos da economía para asegurar o sometemento do capital á política e a soberanía do país; etc.
Non é por acaso que Vasco Gonçalves, o primeiro-ministro que puxo en andamento todas aquelas iniciativas, cumprindo o denominado Programa do MFA até o golpe contra-revolucionario de novembro de 1975, fose chamado polo seu propio pobo non polo título de primeiro-ministro, mais polo título de camarada.