Solidariedade co Curdistán
Hai décadas que o imperialismo puxo os seus ollos no Oriente Próximo. O seu obxectivo non foi nunca outro que o de controlar as zonas xeoestratéxicas e os seus recursos naturais co obxecti- vo de os explotar e alimentar o consumismo occidental. E o resultado non é outro que unha zona arrasada, onde os conflitos, instigados e amiúdo directamente importados desde o exterior, se teñen radicalizado até níveis de barbarie. E non por accidente.
A desestabilización da zona é un requisito indispensábel para que o imperialismo e os intereses capitalistas que o alimentan poidan operar con total impunidade. E para o conseguir non se du- bida en inventar “primaveras”, en invadir países (Palestina, Libia, Siria), ou en inventar ameazas de calquera tipo que xustifiquen a intervención directa na zona, non por acaso sempre contra pobos opostos a ese mesmo imperialismo.
O Estado Islámico do Iraque e Levante (o temíbel ISIS) é unha desas estratexias de desesta- bilización. Financiado e armado polo bloque EUA-UE-Israel e as monarquías feudais do Golfo Pérsico, con Arabia Saudita á cabeza, e formado principalmente por mercenarios que xa tiñan participado na destrución do Iraque, do Afganistán ou da Libia, o ISIS é hoxe — tal como estaba planificado — a escusa perfeita para que a chamada “comunidade internacional” poña sobre o terreo as súas forzas militares, en nome — din — da paz e da democracia.
Mentres tanto, as vítimas son sempre as mesmas. O pobo palestiniano, o pobo libio, o pobo sirio, o pobo curdo son, para o bloque imperialista, “sacrificios necesarios”. Uns sacrificios que, en todo caso, se deciden nos despachos de Washingon, Bruxelas, Tel Aviv ou Riad. Agora, son os homes e mulleres da Rojava (o Curdistán dentro da Siria) quen ten que enfrentar o avanzo dun ISIS armado polos mesmos países que din querer combatelo. A cidade de Kobane está agora a se enfrentar ao masacre que xa sofreu Sinjar (Curdistán iraquiano) e outras cidades e aldeas por toda a parte.
Por iso, desde Galiza, debemos ser conscientes de que nada disto responde ao acaso e de que o imperialismo existe e se alimenta de masacrar pobos, por vía directa ou indirecta. Debemos denuncialo e berrar:
Non ao imperialismo!
Vivan os pobos que loitan!
Viva o Curdistán libre!