Desde Mar de Lumes organizamos o 29 e 30 de outubro dous actos explicativos co obxectivo de introducir en Galiza a complexísima e amiúdo descoñecida realidade mexicana. O primeiro deles, celebrado en Moaña xunto co colectivo Avante Morrazo, contou coa participación do galego Manolo Pipas, que falou desde a súa experiencia directa en comunidades insurxentes en Chiapas e Oaxaca, e de Gabriela Gutiérrez Espinosa, mexicana afincada en Galiza, que relatou a situación xeral dun poder político que emprega o narco como escusa e como forza paramilitar simultaneamente.
O segundo dos actos, celebrado na Libraría Andel de Vigo, correu a cargo de Carlota Garrido, militante internacionalista que ten colaborado con diferentes organizacións de solidariedade coas insurxencias mexicana, e que explicou a tradición de antisistémica das Escolas Normais Rurais mexicanas e a súa ligazón con procesos revolucionarios en Ayotzinapa e noutros lugares, e que puxo en relación precisamente estas vagas de represión criminal ordenadas pola cúpula do Estado coa resistencia fronte ao avanzo de políticas ultraliberais e de sometemento aos intereses do imperialismo, particularmente exercido no caso mexicano desde os Estados Unidos.
Entre as persoas asistentes, por volta de 70 entre ambos actos, tamén se aproveitou as quendas de comentarios e preguntas para apontar a responsabilidade dese imperialismo e mesmo para introducir novas liñas argumentais, como as redes de migración clandestinas que pasan por México ou a posibilidade dunha confluencia das diferentes loitas que están neste momento travadas nos diferentes Estados mexicanos.
En Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista estamos firmemente convencidas da necesidade de denunciar publicamente o masacre de Ayotzinapa e o resto de actos de terrorismo de Estado, amiúdo esquecidos en Galiza. E, máis aínda, de o pór acima da mesa como ese Estado criminal, capaz de desaparecer forzadamente os seus propios estudantes, está a ser avalado politicamente polo Estado español diante da UE, aparecendo como máis un dos Estados “democráticos” do mundo. Testemuños como os de Manolo Pipas, Gabriela Gutiérrez e Carlota Garrido din o contrario.