A pesar da intensa choiva, máis de 60 persoas concentráronse onte, 12 de novembro en Vigo, convocadas por Mar de Lumes para se solidarizar co povo curdo, cando se cumpren dous meses do continuo ataque que está a sofrer na cidade rojavana de Kobanê.
Alén de darse leitura a un comunicado de apoio onde se lembrou que a situación de guerra e caos nesa área do Oriente atopa as súas causas principais na acción do Imperialismo occidental, que alimentou as forzas do ISIS, entoáronse diversas palabras de orde como “Galiza-Curdistán, solidariedade”, “Erdogan, cómplice da Otan”, “Kobanê resiste, Curdistán libre”, “Imperialismo, fóra da Siria” ou “Estado islamista, axente imperialista”. Tamén se amosaron diversos cartaces con referencias á resistencia en Kobane, á liberdade para o dirixente do PKK preso por Turquía, Abdullah Öcalan e bandeiras do KCK e do PKK. Aínda, agradeceuse a asistencia e apoio das 15 organizacións e colectivos aderentes.
Viva o Curdistán libre!
* Fotos de Ilkerman Iker.