Homenaxe nacional a Pedro Trigo, 28 Nov.

Pedro Trigo, un dos heroes destacados na Revolución Cubana, é un fillo da emigración galega á América. El e o seu irmán, o tamén revolucionario Xulio Trigo — que morreu durante o combate do asalto ao cuartel Moncada — abandonaron Galiza xunto coa súa nai en 1936, cando o levante fascista no Estado español comezou a producir as primeiras vítimas da represión en Galiza. Desde Cuba, a súa familia levou a cabo unha intensa actividade de apoio á República até o fin da guerra en 1939 e, a partir de 1944, con apenas dezaseis anos, Pedro Trigo participará tamén en varias loitas sindicais dentro da propia Cuba, vencelladas ao sector téxtil.

Ligado aos traballos de criazón dun partido revolucionario en Cuba, en 1951 entra en contacto con Fidel Castro e comeza a traballar na preparación organizativa dun movemento armado insurreccional co obxectivo de terminar coa ditadura de Fulgencio Batista a través da cal o imperialismo norteamericano operaba en Cuba. O 26 de xullo de 1953, tanto el como o seu irmán Xulio farán parte das columnas de 150 insurxentes que tratan de tomar sen éxito o cuartel Moncada. O asalto non tivo o éxito esperado, porque o cuartel non chegou a ser tomado polas forzas revolucionarias e durante o combate foron mortos, ou detidos e despois executados máis de cincuenta militantes, entre eles Xulio Trigo, con apenas 28 anos. Mesmo así, con Fidel e outros revolucionarios detidos, o asalto ao Moncada tornouse fundamental para a historia de Cuba, porque é naquel episodio que se orixina a loita guerrilleira que protagonizará a historia do país nos seguintes meses.

Pedro Trigo terá nesa conformación un papel destacado. Dirixente dunha das células do Movemento 26 de Xullo, a policía de Batista chega a detelo en varias ocasións, polo que pasa á clandestinidade e acaba exiliándose uns meses en Galiza, de onde regresa en 1958. O 31 de decembro daquel ano, coa ditadura derrotada militar e politicamente, Fulgencio Batista abandona Cuba polo avanzo da guerrilla, que entra na Habana o 1 de xaneiro de 1959 liderada por Fidel Castro.

Desde o triunfo da Revolución, Pedro Trigo participará en varios cargos de responsabilidade do goberno revolucionario. Foi xefe nacional de compras de Cubana de Aviación, Director de relacións internacionais do Instituto de Aeronáutica Civil de Cuba, Vicedirector de relacións internacionais do Ministerio da Minaría, e posteriormente, membro do corpo diplomático. Segundo secretario da embaixada cubana en Praga, primeiro secretario da embaixada no Estado español e finalmente cónsul xeral de Cuba en Bulgaria, Pedro Trigo ten recebido as condecoracións máis significativas da República de Cuba, ademais de ter traballado lado a lado con algúns dos protagonistas fundamentais da Revolución, de Fidel ou Raúl a Vilma, de Abel a Melba, de Haydee ao Che.

Unha homenaxe nacional

Mar de Lumes, como organización solidaria con Cuba, organiza xunto coa Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil unha homenaxe a Pedro Trigo o día 28 de novembro, coa seguinte axenda:

  • 18h00: Proxección do documentario Fuimos el inicio – Memoria del asalto al Moncada
  • 19h30: Palestra a cargo do revolucionario Pedro Trigo, con intervención do Cónsul de Cuba, José Antonio Solana.
  • 22h00: Cea-Homenaxe na Adega dos Avós.

As actividades da tarde celebraranse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, desde a que nos trasladaremos para a cea-homenaxe posteriormente. Para acudir á cea, é necesario reservar praza, enviando un correo electrónico a mardelumes@gmail.com, indicando o nome das persoas que queren asistir.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista