Contra o asasinato do ministro Abu Ein e contra o rexime de terror sionista

Ziad Abu Ein, Presidente da Comisión da Autoridade Palestiniana contra o Muro de Separación e contra os Colonatos, foi asasinado o día 10 de decembro, mentres participaba na vila palestiniana de Turmusaya nun acto simbólico e pacífico contra a confiscación de terras palestinianas: unha plantación de oliveiras, símbolo universal da paz. Ziad Abu Ein resultou morto despois de ter sido golpeado salvaxemente por policías israelitas e inhalar gases lacrimóxenos, tras o que se lle denegou a atención médica inmediata que necesitaba para sobreviver.

Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista quer manifestar, máis unha vez, a súa solidariedade co povo palestiniano agredido permanentemente por Israel e facer a máis enérxica das condenas contra o rexime racista e de apartheid que os grandes intereses oligopólicos teñen instalado na Palestina en forma de Estado sionista. Queremos, do mesmo modo, reafirmar a aposta da solidariedade galega organizada en Mar de Lumes por unha solución que inclúa o fin da ocupación da Palestina e a devolución das terras roubadas para que sexan reintegradas aos milleiros de exiliados e exiliadas desde a Nakba, e que constitúa o fin da existencia do proxecto sionista.

Somos conscientes de que Israel é apenas a denominación do proxecto imperialista na rexión do Oriente próximo, e que portanto ningún apelo á súa pretendida “boa vontade” vai servir para paralisar as agresións diarias e a violencia practicada de maneira sistemática polas súas forzas armadas e polos seus colonos contra a poboación palestiniana. Sabemos tamén que só a repulsa activa a esta barbarie, exercida no plano internacional por medio da campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións, pode colocar ese proxecto imperialista nunha situación de debilidade suficiente como para que calquera negociación vaia alén do puro simulacro. O noso papel, como organización de solidariedade, non pode ser outro que apoiar esta campaña e, ao mesmo tempo, toda a resistencia que o povo palestiniano estexa en disposición de exercer, por calquera das vías posíbeis.

Con esta nova agresión, personificada no ministro Abu Ein mais que na realidade é contra toda a Palestina, Mar de Lumes reafírmase nos seus compromisos co povo palestiniano:

1. Divulgar e socializar en Galiza a barbarie da ocupación da Palestina, dos seus métodos e dos fins que persegue o imperialismo occidental con este proxecto declaradamente fascista.

2. Reclamar a condena internacional do Estado de Israel polos crimes inherentes á ocupación que practica, particularmente aqueles crimes de guerra e aquelas violacións dos máis elementares direitos humanos.

3. Promover todas cantas accións de boicote, desinvestimentos e sancións sexan posíbeis en Galiza, en colaboración con outras entidades antisionistas e polos direitos humanos, particularmente coa campaña BDS-Galiza.

4. Denunciar os acordos comerciais e a colaboración económica entre os oligopolios e as oligarquías sionistas e da Unión Europea, así como a limpeza de imaxe de Israel feita diariamente polas institucións da UE.

5. Exixir a inmediata liberación das e dos prisioneiros políticos palestinianos en cárceres sionistas, como Ahmad Sa’adat ou Marwan Barghouti, entre tantas e tantos outros.

Palestina vencerá!

Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Compostela, 22 de decembro de 2014.

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista