A conferencia foi impartida por Federico Ruiz Tirado, escritor e periodista venezolano, que fixo un percorrido pola historia venezolana, principalmente nos últimos 40 anos, sinalando o levantamento popular de 1989, coñecido como “Caracazo”, o golpe cívico-militar de 1992 ou acontecementos máis recentes como o golpe de estado contra o Presidente Hugo Chávez no ano 2002 ou a guerra económica que azouta ao país na actualidade.
Desde Mar de Lumes, como organización de antiimperialista e de apoio aos povos que loitan para exercer a súa soberanía non podemos senón agradecer o convite do Consulado e, ao mesmo tempo, reafirmármonos no convencemento de que a solidariedade é un camiño poderoso para vencer o monstro da inxerencia, que trata sempre de pór e remover gobernos segundo os intereses particulares dos despachos de Washington, Bruxelas, Berlín ou Madrid.
Lembrar a figura revolucionaria de Hugo Chávez e o seu compromiso co seu país é, portanto, unha tarefa de quen estiver pola democracia e o futuro. Negala ou tratar de contaminala, un puro exercicio de cinismo interesado.