O tribunal de excepción español repite o argumento de “todo é ETA” que xa tentou aplicar en macroprocesos como os xuízos contra Egunkaria ou Udalbiltza, finalmente sen éxito; e propón a existencia dun Grupo de Traballo Internacional dirixido por ETA e Batasuna e no que terían presenza todas as organizacións patrióticas bascas con proxección internacional, como Askapena. Unha existencia que, sen que poida ser comprobada, explicita a criminalización da solidariedade e do internacionalismo e prohibe os povos relacionárense entre si cando sexa para perseguiren obxectivos distintos aos do centralismo español.
Askpena leva desde 1987 traballando no ámbito do internacionalismo e difundido no exterior e apoiando as loitas do povo basco pola súa liberación nacional e organizando dentro de Euskal Herria a solidariedade co resto de povos do mundo. E faino a través de charlas, palestras, entrevistas, concentracións, seminarios e congresos e brigadas internacionalistas.
Retorcendo a realidade e considerando delitivas estas actividades internacionalistas, a Fiscalía da Audiencia Nacional española pede agora, 5 anos despois daquelas detencións, penas de prisión de 6 anos para Walter Wendelin, Gabi Basañez, David Soto, Aritz Ganboa e Unai Vázquez, e propón a ilegalización de Askapena, da comparsa Bilbo Askapeña, e dos colectivos Herriak Aske e Elkar Truke.
Galiza-Euskal Herria, solidariedade!