“Nós non lles exiximos aos EUA que muden o seu sistema social. Eles non nolo poden exixir a nós”

De esquerda a direita: Moncho Leal (Fco. Villamil), 
José Antonio Solana (Cónsul Xeral) e Pedro Cortegoso (Mar de Lumes)

Na tarde de onte, día 12 de marzo, celebramos na facultade de Belas Artes de Pontevedra unha palestra sobre a actualidade cubana da man do compañeiro Moncho Leal da Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e do Cónsul Xeral da República de Cuba en Galiza, José Antonio Solana.

Leal e Solana referíronse ao novo tempo político e social que se abre en Cuba após os Estados Unidos teren recoñecido a ineficacia do bloqueo para conseguir os seus intereses imperialistas e despois da histórica declaración simultánea de boa disposición a abrir diálogos que deberían levar a restabelecer as relacións diplomáticas. A ese respeito, o Cónsul Xeral lembrou que as conversas están unicamente nunha fase preliminar e que as relacións continúan bloqueadas na medida en que a Casa Branca non decretou o fin do bloqueo nen das restricións que impón desde hai cinco décadas contra a illa.

Houbo tamén ocasión de deixar claros cais son os limites que os negociadores cubanos porán nas conversas: a non inxerencia e o respeito á independencia e á soberanía de cada un dos países. Tal como declarou o Cónsul: “Nós non lles exiximos aos EUA que muden o seu sistema social. Eles non nolo poden exixir a nós”.

Desde Mar de Lumes, como organización anti-imperialista e como non pode ser doutro xeito, saudamos as novas posibilidades que se abren para o desenvolvemento de Cuba, non só en relación aos Estados Unidos — sendo cientes de que alén da metodoloxía, o seu obxectivo, que é apoderarse da illa, permanece intacto —, como tamén en relación á actualización dos mecanismos económicos e sociais para continuar a afondar na vía do socialismo e da soberanía dos povos.

 

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista