
Alimentación para o povo, só coa Revolución
Unha das matrices que tenta instalar o entramado político — formado por medios, ONGs e políticos do rexime — no ámbito internacional é o feito de que a Venezuela se encontra ao borde dun «caos humanitario» e que a xente pasa fame. Mesmo o conflito na fronteira se le baixo este prisma.
Na súa análise, a dereita internacional non explica por que milleiros de colombianas e colombianos — só no que vai de 2015, máis de 120.000, a maioría en situación de extrema pobreza — están a migrar para a Venezuela. Se na Venezuela houber tanto caos e fame, por que non acontece á inversa?
Cando menos, 5,6 millóns de persoas de nacionalidade colombiana viven na Venezuela, a grande maioría en paz e sá convivencia con venezuelanos e venezuelanas, con quen partillan familia. Case todas elas pertencen a sectores populares deslocados por razóns económicas e pola guerra interna na Colombia. Na fronteira baixo control paramilitar, moitos son empregados por organizacións delitivas. As bandas criminais cobran a «protección» ás familias e utilizan a moitos dos seus integrantes como man de obra nos seus negocios: de tráfico, de contrabando, de prostitución e mesmo de acción político-militar. Con todo, a maioría dos case 6 millóns de colombianos e colombianas prefere non regresar a Colombia, onde a represión, o desemprego e a pobreza corren sen limites desde hai moitos anos.
A finais do século XX, o escenario era similar na Venezuela. O Caracazo foi unha insurrección popular contra a fame, a miseria e as políticas neoliberais do FMI que demostrou ao mundo o verdadeiro rosto deste país cheo de petróleo, entregado aos EUA. Máis de tres mil persoas foron asasinadas mentres se disputaban algúns dos bens disponíbeis no mercado, mais inaccesíbeis para as súas billeteiras. Son moitas as testemuñas gráficas da época que contan o modo como a xente comía fariña para cans e máis dunha nai, en lugar de leite, daba auga da pasta ao seu bebé.
Alimentación, dereito humano
Desde que o povo escolleu Hugo Chávez por voto popular en decembro de 1998, a alimentación comezou a ser tratada como un dereito humano. Nun país devastado, con 13,8% de subnutrición, a política do Goberno chavista — que continúa até hoxe, mesmo co valor do petróleo pola metade — permitiu unha redución da fame a 2,4%. Na actualidade, 97% das venezuelanas e venezuelanos accede a tres comidas diarias. Mentres na Cuarta República un en cada cinco venezuelanos pasaba fame, hoxe 96% da poboación consume diariamente proteínas de orixe animal: leite, carnes e ovos.
Coa Revolución, tense reducido 62% o défice de desnutrición infantil, que pasou de 8% a 3,37%. Isto deu como resultado que a talla promedio das crianzas menores de 7 anos teña aumentado 1,8 centímetros.
En 2013, o organismo encarregado da alimentación da ONU, a FAO, entregou un recoñecemento a Venezuela como un dos países que máis esforzo tiña feito no mundo para acabar co problema da fame. Ademais, en 2014, criou un programa internacional contra a fame ao que chamou «Hugo Chávez Frías».
Segundo a FAO, a Venezuela ten a rede de distribución de alimentos máis ampla do mundo, con máis de 21.000 estabelecementos en territorio nacional. Desde a súa criazón en 2003, esta rede leva case 23 millóns de toneladas distribuídas a máis de 21 millóns de persoas, moitas das cales — seguindo a proporción, máis de 4 millóns — son de nacionalidade colombiana. Nestes anos, na Venezuela tense incrementado en 36% a disponibilidade de calorías, superando en máis de 10% o nível recomendado pola FAO, de 2.720 calorías.
Estes avanzos non deben ser motivo de conformidade mentres haxa unha soa persoa con fame. Por esta razón, en 2015 impulsouse un plano chamado Bases de Misións Socialistas, que concentra en milleiros de bairros populares as Casas de Alimentación ou os Mercados de Alimentos a prezos moi baratos, xunto coas misións de saúde, educación, deporte e outros servizos comunitarios.
Nestes momentos desenvólvese na Venezuela unha xorda confrontación que os analistas denominan «guerra híbrida» ou golpe suave. Trátase dunha combinación de agresións en diferentes ámbitos: económico, paramilitar, mediático e diplomático. No plano económico, é atacada a moeda venezuelana e a distribución de alimentos, que son destinados ao contrabando cara a Colombia ou á revenda con prezos especulativos no mercado informal (acaparamento e «bachaqueo interno»). Estas redes ilegais de casas de cambio e de contrabando, pola súa vez, tópanse controladas por grupos paramilitares, que tamén dirixen ou están vencellados coa hampa común para diversos delitos: secuestros, trata de persoas e asasinatos, por encargo político ou por negocios. Por esta razón, urxe a continuidade dos operativos do Goberno Bolivariano e tamén a aposta pola produción comunitaria. En 12 de agosto, no estado Cojedes, o presidente Nicolás Maduro condecorou coa Orden Ezequiel Zamora a doce comunas agropecuarias que ultrapasaron o cumprimento do plano de sementeira comunal. Pouco despois, no Consello Presidencial do Goberno Popular das Comunas, foi ratificado este apoio á economía comunal.
O povo venezuelano está decidido a resistir a ofensiva política conservadora e a se organizar para producir e distribuir, tentando camiños diferentes ao capitalismo xa fracasado. Trátase dunha aposta cara á soberanía alimentar que merece todo o coñecemento e apoio dos povos do mundo. En medio de tantas mentiras dos medios privdos, convocamos un diálogo e un traballo conxunto entre movementos e colectivos populares, traballadores, traballadoras, artistas, intelectuais e persoas de boa vontade, para asumiren colectivamente un esforzo comunicacional libertador.