Reactivada a Plataforma Galiza con Catalunya

Representación de algunhas das organizacións asinantes iniciais
Hoxe, 11 de setembro, diversas organizacións do ámbito político, social e sindical galego, entre as que se encontra Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, informamos en roda de prensa da reactivación da Plataforma Galiza con Catalunya de cara a mobilizar en Galiza a solidariedade coa Catalunya e o apoio ao seu proceso de independencia nas datas previas ás eleccións plebiscitarias do 27 de setembro.

Esta reactivación pivota arredor do II Manifesto Galego de Solidariedade coa Catalunya, aberto aínda á incorporación de novos colectivos, asociacións e organizacións, e que terá o seu correlato público nas diversas accións que as organizacións da Plataforma iremos promover nas dúas vindeiras semanas, e dos que se irá informando cumpridamente. A continuación, reproducimos o texto deste II Manifesto:

    II Manifesto de solidariedade con Catalunya

    Tal como dicíamos o ano pasado, o pobo catalán atópase diante dunha das máis importantes encrucilladas da súa historia, a só uns días dunha histórica cita electoral que ten adquirido, malia negativa do Estado, un verdadeiro carácter plebiscitario. O vindeiro día 27, o povo catalán ten a oportunidade de definir nas súas institucións até agora autonómicas unha maioría política que declare formalmente a independencia e transforme o seu país nun novo Estado no concerto dos Estados do mundo.

    Até hoxe, os diferentes intentos de encaixar Cataluña no marco español foron sempre respondidos con negativas, recurtes e becos sen saída que acabaron demostrando que o exercicio unilateral da democracia e do dereito a decidir é a única vía real para a resolución do conflito. O rápido crecemento do independentismo até se tornar un auténtico movemento de masas e mais a súa transversalidade demostran, nos últimos anos, a imposibilidade de constrinxir a situación ás estreitas e inoperantes marxes que prevé o Estado español para o exercicio democrático. Un Estado español que, entre outras cousas, negou o dereito ao voto e ameazou a poboación, e procesou diversos axentes pola consulta democrática que a sociedade civil catalá promoveu a respeito da independencia de Cataluña o pasado 9 de novembro.

    España continúa a ampararse na lexislación herdada da ditadura, nomeadamente na Constitución Española, para afirmar unha e outra vez que é imposíbel calquera mudanza do marco institucional, mais o certo é que poucos povos do mundo puideron exercer o seu direito de autodeterminación sen previamente teren proclamado unilateralmente a súa independencia formal. Novamente, diante das ameazas xurídicas, políticas, mediáticas e policiais lanzadas polo goberno de Madrid, as organizacións que asinamos este manifesto queremos transmitir a nosa solidariedade ao povo catalán, así como o noso apoio ás forzas políticas que, por diversas vías, se apresentan a estas eleccións plebiscitarias o 29 de setembro coa intención de atinxir unha maioría suficiente para proceder á declaración da Independencia.

    Como hai un ano, apoiamos tamén o direito do conxunto dos Países Cataláns a decidir o seu futuro polos motivos que entón expuxemos: por un elemental sentimento de solidariedade con todos os povos do mundo e polo apoio incondicional ao exercicio do direito de autodeterminación como posesión inalienábel de calquera nación. Somos tamén conscientes, como entón, de que a abertura que hoxe está a protagonizar o povo catalán contribuirá a normalizar a nosa propia aposta pola liberdade e a soberanía plena de Galiza. As organizacións que apoiamos este manifesto facémolo conscientes de que a cuestión nacional se ten convertido nun verdadeiro punto fraco do rexime político español instalado na Transición, e que hoxe constitúe a principal vía de ruptura precisamente co sistema que o alimenta.

    Finalmente, e do mesmo xeito que na anterior ocasión, as asinantes desta Plataforma Galiza con Catalunya animamos a numerosa comunidade galego-catalá a se implicar nestas eleccións plebiscitarias, participando activamente a favor da independencia da súa segunda patria, coa confianza de que algún día participen tamén na liberación da primeira.

    Organizacións asinantes iniciais:

    Agir
    Agora Galiza
    Bloque Nacionalista Galego
    Briga
    Causa Galiza
    Colectivo Nacionalista de Marín
    Confederación Intersindical Galega
    Isca!
    Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
    Movemento Galego ao Socialismo
    Partido Comunista do Povo Galego

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista