Mar de Lumes contra o xuízo-farsa aos compañeiros internacionalistas de Askapena

Nestes días están a ser xulgados en Madrid cinco militantes da organización internacionalista basca Askapena, acusados de colaboración co terrorismo. Os seus nomes son Walter Wendelin, Gabi Basañez, Dabid Soto, Aritz Ganboa e Unai Vázquez. Ademais, a fiscalía pede tamén a ilegalización da súa organización — Askapena — e de outros tres colectivos relacionados: a comparasa Bilbo Askapeña, Herriak Aske e Elkar Truke; todas elas organizacións da solidariedade internacionalista.

Quen acusa é o Estado español, un Estado condenado repetidamente pola súa política de represión á disidencia política, involucrado en casos de terrorismo de Estado e que, malia a todo, continúa adiante con prácticas ilegais como a dispersión penitenciaria para aquelas persoas que considera perigosas para o seu proxecto unionista. Agora, pretende criminalizar a solidariedade internacionalista e o relacionamento dos povos que teñan un obxectivo contrario a ese mesmo unionismo. As palestras, as entrevistas, as concentracións, os seminarios, os boicotes e as brigadas internacionalistas que Askapena leva desde 1987 a organizar son, para España, as provas do delito. Mais, de que delito?

Os compañeiros Walter, Gabi, Dabid, Aritz e Unai están a ser xulgados por acreditaren no mesmo mundo novo en que acreditamos nós, millóns de persoas en todo o planeta. Nós, como eles, negámonos a calar e a ficar paralisados por un sistema — o capitalista — que necesita esas mecánicas que queremos quebrar: o imperialismo, o espolio, as ocupacións, as guerras, as ditaduras e o medo.

Desde Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, como fixemos hai só uns meses, cando se coñeceu a proposta da fiscalía española, expresamos novamente e con toda clareza o noso desprezo diante deste novo ataque ás organizacións e persoas que desde Euskal Herria traballan pola súa total liberdade política e que pretenden facelo de mans dadas co resto de povos do mundo. E contra o xuízo-farsa que se segue en Madrid contra os nosos compañeiros bascos, facemos noso o seu berro: O internacionalismo non é delito! Askapena aurrera!

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

Partilla

Share on facebook
Share on twitter
Share on telegram
Share on whatsapp
Share on email

Subscríbete ao noso boletín internacionalista