Este vindeiro 1 de novembro, cando se cumpra o primeiro aniversario da liberación de Kobanî, e en medio a un ataque sen precendentes contra o povo curdo, volve haber eleccións lexislativas na Turquía despois de os resultados de xullo impediren a formación do goberno e dificultaren a radicalización das políticas suprematistas que o partido AKP do primeiro ministro en funcións, Recep Tayyip Erdoğan, leva anos a desenvolver contra o Curdistán e outras minorías nacionais: armenias, asirias, azerbaixanís, persas, etc.
Unhas eleccións ás que o Curdistán acude baixo unha candidatura unitaria que, hai só catro meses, atinxía 13,2% dos votos, e que novamente necesita superar a porcentaxe de corte do 10% para poder ter presenza no parlamento (Meclis) de Ankara. Nesta ocasión, a nosa organización foi convidada como observadora internacional por parte do Partido Democrático dos Povos (HDP), a candidatura curda na que tamén se integran esas outras minorías nacionais, como observadora internacional.
Desde Mar de Lumes valoramos esta participación, por unha parte, como un importante avanzo nas relacións de fraternidade e solidariedade mutua entre os povos galego e curdo e, por outra, como a posibilidade de, modestamente, contribuir a colocar Galiza no contexto internacional, xunto con outros povos e nacións sen Estado que tamén terán delegacións nesta cita.