Celebrada palestra sobre a experiencia da Bretaña na súa loita polo idioma propio

O pasado 11 de novembro, o comité de Mar de Lumes en Lugo organizou na facultade de formación do profesorado unha palestra sobre a experiencia da Bretaña na loita pola recuperación e conservación da lingua propia. Os activistas bretóns Tangi Poisson e Gireg Mouton expuxerxon a situación actual da lingua bretoa e do movemento na defensa da lingua que se conformou nas últimas décadas naquel país, hoxe dentro do xacobino Estado francés.

Gireg, membro da organización Ai’ta en defensa do idioma, explicou a evolución do idioma bretón, cuxa raíz céltica o liga coa Galiza, e as estratexias empregadas historicamente polo estado francés para desprestixialo e impedir o seu uso, desde a súa prohibición no ensino público até a caricaturización da súa extracción popular a través de estereotipos como da labrega Bécassine. Expuxo a brusca caída de falantes ao longo do século XX e a posterior recuperación por parte da mocidade nas últimas décadas.

Tangi, activista estudantil do Sindikad Labourerien Breizh, amosounos a conformación desde os anos 70 dun movemento de defensa e recuperación da lingua que se materializou na creación de escolas Diwan e no pulo aos medios de comunicación radiofónicos en lingua propia. Sen dúbida, experiencias que serven para nos recoñecer nelas quen continuamos na loita porque a nosa lingua nacional non esmoreza.