Mar de Lumes condena esta nova agresión imperialista, por parte dos Estados Unidos, Francia e o Reino Unido, contra o pobo sirio. Siria leva anos padecendo este tipo de agresións por parte dos Estados Unidos e os seus aliados da Unión Europea e das ditaduras árabes coa intención de desestabilizar e dividir o país. Temos que lembrar que Siria é un estado soberano que ten un goberno apoiado maioritariamente pola súa poboación.
Unha vez máis asistimos a unha agresión precedida dunha campaña de manipulación informativa baseada nuns feitos inexistentes teatralizados por unha suposta ONG, os capacetes brancos, que é un instrumento dos gobernos “occidentais”. Os medios de comunicación, sen ningún tipo de contraste dos feitos, fan de altofalantes para convencer á opinión pública da necesidade de bombardear Siria. Mentres os bombardeos e o bloqueo salvaxe que impón a monarquía “amiga” de Arabia Saudita ao Iemen, e que están causando miles de persoas mortas, non merecen unha liña nos xornais.
Resulta curioso que cando os expertos da Organización para a Prohibición das Armas Químicas estaban na cidade de Duma, onde supostamente se usaron armas químicas, lánzase este ataque que fai imposíbel realizar calquera tipo de estudo ou investigación sobre o mesmo.
Este último ataque só pretende continuar co programa de desestabilización e división do estado Sirio, cando este está gañando a loita conta o terrorismo e recuperando o control do seu territorio. Cada vez que o terrorismo está sendo derrotado en Siria os USA saen na súa axuda.
Temos que denunciar a complicidade do goberno español, que considera “proporcionada” esta actuación, tendo en conta que algúns dos buques de guerra que participaron neste ataque teñen a seu porto de atraque habitual na base de Rota (Cádiz). Polo tanto o estado español está cedendo infraestruturas para facer posíbel o programa bélico e imperialista dos USA.
O goberno de Rajoy ponse á beira, unha vez máis, dos USA xustificando unha agresión unilateral que non respecta a legalidade internacional. Onde está o respecto á lei que lle pide ao pobo e ás lexítimas institucións de Catalunya o Sr. Presidente?
Mar de Lumes reitera o seu rexeitamento a esta agresión que só serve para afondar no sufrimento da poboación e na continuidade do conflito en Siria e nos países da rexión, e demandamos o fin da intervención estranxeira en Siria.