Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, como organización que defende a soberanía dos pobos e denuncia as prácticas e estruturas imperialistas, xuntámonos a unha serie de colectivos de diferentes países da Europa para promover, a partir de hoxe, 27 de marzo, o seguinte
MANIFESTO
Pola soberanía dos pobos,
non á Unión Europea
Organizacións sociais, sindicais e políticas de Europa subscribimos este manifesto no que queremos dirixirnos ás traballadoras e traballadores de todo o continente:
Rexeitamos a Unión Europea como estrutura político-económica, militar e cultural de dominación dos pobos e da clase traballadora cuxo obxectivo é manter o sistema capitalista, imperialista e patriarcal en beneficio duns poucos.
Vivimos tempos de incremento do fascismo, tempos de racismo e xenofobia, de machismo e violencia continua contra as mulleres e corpos disidentes, de encerramento de fronteiras e vulneración dos dereitos individuais e colectivos, tempos de empobrecemento da poboación e perda de dereitos laborais, tempos de destrución dos territorios e da agricultura local, e de espolio dos recursos tanto dentro como fóra da Unión Europea, tempos de privatizacións e de cortes esixidos polo capital, tempos de éxodos migratorios de dentro e fóra da Unión Europea, tempos de represión a quen se mobiliza, canta ou escribe contra o poder estabelecido, tempos de negación do dereito á libre autodeterminación dos pobos, tempos de intensificación das agresións imperialistas por parte dos Estados Unidos de América, a Unión Europea e a OTAN… En definitivo, tempos de agresión contra os pobos e o conxunto da clase traballadora.
Mais temos certeza de que non se trata dunha situación conxuntural que se irá restabelecer co tempo, senón que é estrutural: a resposta dos poderes da Unión Europea para continuar a desenvolver e perpetuar así o sistema de acumulación capitalista. Con efecto, a Unión Europea naceu precisamente para defender e manter os intereses das elites europeas, por máis que nos ensinaren un rostro amábel.
Por iso, manifestamos que non é posíbel reformar a Unión Europea para que responda aos intereses dos pobos e das clases populares. A Troika, a Comisión Europea, a OTAN, a EUROPOL… son estruturas totalmente antidemocráticas e o Parlamento Europeo un organismo inoperante e parasitario a servizo das elites e as transnacionais. Calquera alternativa de democratización pasará pola deconstrución da Unión Europea e a construción dun modelo de integración alén da actual área xeográfica e baseado na solidariedade e na soberanía dos pobos.
Xa que logo, as organizacións que asinamos este manifesto facemos un chamado a incrementar a solidariedade internacionalista e a comezarmos conxuntamente a deseñar unha alternativa á Unión Europea, a servizo dos pobos e da clase traballadora.
Europa, novembro de 2018