Diante dos graves acontecementos que atravesa o Estado Plurinacional da Bolivia, desde Mar de Lumes facemos público o seguinte comunicado.
O pasado 20 de outubro, nunha xornada eleitoral con ampla participación popular e sen incidentes, millóns de bolivianas e bolivianos escolleron a opción que concedía ao Presidente Evo Morales un novo mandato para continuar á frente do país. Fixérono de maneira maioritaria, até o punto tornaren desnecesaria a celebración dunha segunda volta entre Morales e Carlos Mesa, o candidato da dereita. Inmediatamente, os sectores máis radicalizados da oposición, que xa viñan conducindo unha campaña de desestabilización sen precedentes, denunciaron fraude eleitoral — sen achegaren proba ningunha —, chamaron a descoñecer os resultados e elevaron a presión nas rúas con procedementos e tácticas que lembran directamente aos practicados pola oposición venezuelana en diversos momentos nos últimos anos: queima de sedes sindicais, creación de bandas paramilitares contra campesiños/as e grupos sociais pró-goberno, ataques a medios de comunicación públicos e populares, etc.
Estas «guarimbas» bolivianas sinalaron e atacaron non só predios e instalacións gobernamentais e do MAS — o partido do goberno — como tamén representantes das organizacións civís que apoian Evo Morales e o conxunto de comunidades orixinarias aimaras, quechuas, chiquitanos e guaranís, contra as que desataron unha violencia salvaxe, revanchista e racista que lembra o peor da tradición do apartheid boliviano que só desde a primeira vitoria eleitoral de Evo Morales comezara a ser superado.
A resposta do goberno foi, en todo momento, chamar a destensionar os protestos e a conducirse pola vía institucional, ofrecendo, primeiro, unha auditoría dos resultados a ser feita pola Organización de Estados Americanos e, despois, unha repetición eleitoral inmediata. A oposición, tanto a fracción máis tradicional, nucleada por Carlos Mesa, como a máis abertamente violenta, que se foi aliñando á volta de Luis Fernando Camacho — vinculado a elementos fascistas europeos e cuxo nome aparece relacionado nos Papeis de Panamá — rexeitou calquera mediación internacional á vista, tomou a radio e a televisión públicas e exixiu a demisión de Evo Morales e de todo o goberno. A policía e o exército — cuns mandos formados principalmente no Chile pinochetista — aderiron finalmente ao golpe e permitíronse «suxerir» ao Presidente a súa renuncia voluntaria. Isto mentres familiares seus e dos seus ministros e outras persoas vinculadas ao goberno ou ao MAS eran linchadas publicamente ou os seus domicilios atacados. Todo co obxectivo de forzar as demisións dos cadros do goberno e do propio Presidente.
Finalmente, a renuncia de Evo Morales produciuse o día 10 de Novembro, sen que o feito teña acalmado a situación ou limitado as accións violentas do golpismo. Ao contrario: novas instalacións do goberno foron asaltadas, así como a embaixada da República Bolivariana de Venezuela en La Paz. Elementos abertamente fascistas aínda intensificaron a súa campaña de asedio contra o movemento popular, seguindo o mesmo padrón de comportamento que xa vimos noutros casos na América Latina, mais tamén recentemente na Ucraína, na Libia ou na Siria. A última acción de represalia é, polo momento, a orde de captura e detención contra Evo Morales após a súa renuncia ao cargo e o seu regreso á comunidade de cocaleros de Chapare, onde residía antes de ser proclamado Presidente en xaneiro de 2006.
Mentres todo isto acontece, o golpe de Estado en curso na Bolivia está a ser presentado polos medios de comunicación apenas como un proceso interno, como un conflito que se explica a partir de elementos estritamente bolivianos. Máis unha vez, porén, a presentación que a grande imprensa internacional fai dos feitos é falaz e interesada. É verdade que a manobra para expulsar o goberno de Morales descansa sobre a frustración da dereita sociolóxica provocada por unha nova derrota eleitoral e pola perspectiva de que os importantísimos avanzos sociais de políticos dos 13 anos de goberno do MAS beneficiaron máis as camadas máis pobres e sempre esquecidas da poboación boliviana, como así foi (redución da pobreza extrema e da pobreza media a mínimos históricos, aumento de 127% do salario mínimo, reparto de terras, socialización das rendas dos recursos naturais, etc.). E tamén é verdade que hai elementos fundamentais de racismo neste golpe de Estado. A queima da bandeira indíxena (wiphala) que unifica as nacións orixinarias de Abya Yala e as imaxes de policías e forzas militares a arrincárena dos seus uniformes non deixan dúbidas de que neste golpe de Estado todas as teclas do odio foron tocadas para producir os sons necesarios para o golpe.
Sen embargo, non se pode esquecer o papel do imperialismo como principal motor e director dos «protestos». Un papel que é esencial e que está detrás da mobilización aparentemente espontánea que leva meses a tensionar a Bolivia e a polarizar a súa opinión pública. Malia a histórica expulsión da USAID en 2013, a folla de ruta do imperialismo está ben á vista, como foi dito, e o papel xogado polas embaixadas dos Estados Unidos e de España — alentando esas manobras no fondo e na forma e dándolles cobertura internacional directa ou indirectamente — tamén ficou ao descoberto. O mesmo a respeito do rol da igrexa católica, aliada esencial da dereita, e, sobretodo, da OEA, que se está a perfilar cada vez máis claramente como unha nova ferramenta de inxerencia de Washington na rexión.
Este golpe non pode deslindarse da situación continental, nin obviar que se produce nun momento de máxima tensión na América Latina: mentres a Revolución Bolivariana consegue sobreporse ao bloqueo e aos múltiples ataques á súa soberanía por diversas fórmulas, en medio a vitorias eleitorais importantes para a esquerda continental e a contratempo de movementos de protesto verdadeiramente populares, como no Ecuador e en Chile, que chegaron a pór contra as cordas os gobernos neoliberais deses países. Nese escenario, é esencial para os Estados Unidos destruír calquera proxecto político que, como o boliviano, reclame o exercicio da soberanía nacional e apontale a integración autocentrada da América Latina a través da ALBA, da CELAC, ou de calquera outro medio. O obxectivo non é outro que continuar conservando á man o «quintal traseiro». Isto é: continuar tendo a Nosa América dentro da órbita do grande capital transnacional norteamericano. É a iso, e non a outra cousa, que responde este golpe de Estado. É iso que responden tamén os ataques permanentes contra o goberno de Nicolás Maduro en Venezuela, o criminal bloqueo contra Cuba, os recentes golpes contra Manuel Zelaya en Honduras, contra Fernando Lugo en Paraguai ou contra Dilma Rouseff no Brasil, o intento de «revolución de cores» contra a Nicaragua, o redireccionamento político do Ecuador ou as constantes ameazas contra o México de López Obrador, etc.
Desde a Galiza, como Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Mar de Lumes fai un chamamento á solidariedade internacionalista para denunciarmos este novo golpe de Estado contra a América Latina, para axudarmos a combatelo e para espallarmos a repulsa contra esta nova agresión imperialista, mais unha vez a cabalo da violencia paramilitar e parapolicial, da corrupción, do terror, e do racismo.
BOLIVIA NON ESTÁ SOA!
FÓRA AS VOSAS SUXAS MANS DE BOLIVIA!