O pasado 3 de Xaneiro era asasinado nun atentado terrorista en Bagdade o xeneral iraniano Qasem Soleimani, cabeza visíbel da estratexia do país asiático na rexión, como dirixente das forzas Quds da Garda Revolucionaria do Irán. Falecía no atentado tamén o dirixente das milicias populares do Iraque, Abu Mahdi al-Muhandis.
Seguidamente, o presidente dos EUA, Donald Trump asumía publicamente ter dado a orde de executar o asasinato do xeneral, alegando que representaba unha ameaza para o mundo e as vidas americanas. Soleimani era visto por moitos na rexión como unha figura chave na derrota do ISIS, de xeito que o crime xerou unha masiva indignación que levou a unha escalada pre-bélica. O Parlamento do Iraque demandou a saída das tropas norteamericanas e o líder supremo iraniano Ali Khamenei proclamaba a vontade de vinganza da nación persa. Vontade que nos días posteriores deixaba clara co bombardeamento con mísis de dúas bases norteamericanas en terreno do Iraque.
Desde o comité galego de solidariedade internacionalista Mar de Lumes condenamos enerxicamente este atentado terrorista que ameaza con prender lume a toda a rexión. Analizamos que esta acción é un salto cualitativo na liña belicista de Trump contra o Irán, nunha cadea que comprende o afastamento do acordo nuclear de 2015 e as sucesivas sancións que buscan estrangular a economía do país persa.
Entendemos que entre os EUA buscan desestabilizar aínda máis unha rexión castigada pola guerra, asegurarse unha primacía política e enerxética que ve en risco, así como cortar os lazos que entre o Irán e as potencias europeas comezaban a ser reconstruídos. Asimesmo, analizamos que se trata dunha peza máis da grande batalla global contra a Rusia e a China, nun contexto de agudización das contradicións entre as diferentes potencias globais que aboca o capitalismo novamente á deflagración para tratar de salvar os seus lucros decadentes.
Recordamos que o estado español, como parte integral da Organización para o Tratado do Atlántico Norte, mantén no territorio do Iraque a presenza de 550 militares, dos que esiximos a súa inmediata retirada. Como esiximos tamén a prohibición do uso das bases norteamericanas no territorio do estado e do seu espazo aéreo en agresión militar de calquera tipo contra o Irán e os países da contorna.
Chamamos aos pobos do mundo a manter a alerta e a organizar a solidariedade cos pobos agredidos de Oriente Medio.